Os Almorzos TIC Talk do CITIC poñen o foco na conexión entre música, informática e modelos

mércores, 25 de setembro do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (o CITIC) da Universidade da Coruña retomou o seu ciclo de Almorzos TIC Talk con dúas interesantes charlas celebradas este martes, 24 de setembro. Desta volta as persoas asistentes puideron explorar innovadoras conexións entre música e informática, así como unha introdución aos modelos estocásticos na economía.
Por unha banda, a investigadora do CITIC, Hilda Romero Velo, na súa charla titulada Navegando entre partituras, levou ao público a unha viaxe a través das profundidades do mundo musical e a súa relación coa informática. Romero expuxo cuestións intrigantes como: como recoñecemos unha canción?, que proporcións matemáticas subxacen nas partituras? e que teñen en común os algoritmos musicais e o ADN? Ademais, exploráronse innovadoras aplicacións onde a música converxe con outras disciplinas como a medicina ou a educación.
Pola súa banda, o investigador Jonatan Ráfales Pérez presentou Stochastic models in economic equilibrium problems, un resumo da súa tese doutoral que aborda modelos de axentes heteroxéneos en tempo continuo en problemas de equilibrio económico. Ráfales centrouse en como a produtividade, como factor estocástico, afecta as decisións empresariais, determinando o momento óptimo para que as empresas cambien de sector ou cesen a súa actividade. A través de exemplos prácticos, axudou a desmitificar a complexidade destes modelos e o seu impacto na economía actual.
Os Almorzos TIC Talk ofrecen unha oportunidade única para descubrir os avances máis recentes en diversos campos do coñecemento, destacando a importancia da interdisciplinariedad e o potencial transformador das tecnoloxías da información.