Os Amigus Labs convocan argalleiros nas Pontes para dar forma a un pantógrafo CNC

mércores, 4 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

O sábado 14 de outubro o programa de obradoiros Amigus Labs, o proxecto argalleiro e Maker da Asociación Informática Amigus, celebra unha xornada de traballo no Lar de Endesa das Pontes centrada na creación dunha das máquinas con que se dotará o Fab Lab da dita entidade, trátase do pantógrafo CNC. Así, no dito encontro trataranse temas coma a Industria 4.0, a democratización da fabricación, ou o movemento Maker, fronte ao modelo actual de modernización da industria (robotización e automatización cun maior produtividade pero un maior desemprego) e achegando unha alternativa (a alternativa Maker) que, segundo explican dende Amigus, favorece o autoemprego e a fabricación personalizada grazas ao coñecemento aberto e cooperativo en materia de enxeñería, electrónica, robótica, impresión 3D, ferramentas CNC, e actividades máis tradicionais, como a metalurxia ou a artesanía.
Neste contexto, durante o laboratorio Amigus Lab do 14 de outubro crearase a que sería a primeira máquina colaborativa da asociación, un Pantógrafo CNC cunha área de traballo de 1300 x 950 x 300 mm, que “permitirá comezar a producir pezas en madeira, contrachapados, MDF, plásticos, escumas, acetatos, PVC, policarbonato, poliestireno, poliuretano, fibra de vidro ou de carbono, entre outros materiais”, sinalan dende a asociación con sede de seu nas Pontes. De maneira paralela, activarase unha zona de impresión 3D, onde os usuarios poderán coñecer a fondo como construír a súa propia impresora, que materias se precisan, como funciona ou como preparar os modelos 3D para imprimir. Para esta tarefa contarase coa axuda de Álvaro Rey, de MakerGal.
Amigus tamén lembra que haberá un espazo específico para as crianzas, cunha zona Amigus Labs Kids, onde os nenos poderán asistir a un curso de microsoldadura con estaño e crear por si mesmos coches autónomos.
Tódalas actividades realizaranse de 10:00 a 20:00, facendo unha parada para comer de 14:00 a 16:00.
A inscrición na actividade é de balde, e o prazo remata o 12 de outubro. Podemos apuntarnos apuntarte enviando un correo electrónico a amigus@amiguslabs.org.

PUBLICIDADE