Os Chromebook Plus poderán tirar proveito da IA de Google

martes, 28 de maio do 2024 Marcus Fernández

Google presentou hoxe unha morea de ordenadores co seu sistema operativo baseado no navegador web Chrome, achegando un amplo abano de equipos aptos para usos moi distintos, como o potente Acer Chromebook Plus Spin 714 (un convertible con pantalla de 14 polgadas e procesador Intel Core Ultra i5) ou o económico HP Chromebook 14 inch (cun modesto procesador Intel Pentium), pasando polo Acer Chromebook Plus 516 GE (orientado aos videoxogos), pero o máis interesante destes novos equipos é que a liña Chromebook Plus integra Gemini.
Deste xeito, equipos portátiles con prezos que parten dos 350 dólares poderán tirar proveito da intelixencia artificial de Google para axudar a escribir texto, xerar fondos de escritorio mediante IA ou empregar o Editor Máxico en Google Fotos para mellorar fotografías.
As funcións máis avanzadas quedan reservadas para os subscritores de Google One AI Premium, servizo que os novos propietarios dun Chromebook Plus recibirán de balde durante 12 meses (incluíndo tamén 2 TB de almacenamento).

Vídeo no que anuncian a chegada de Gemini aos Chromebook Plus