Os Desafíos STEM recoñecerán os mellores proxectos de robótica e programación da nosa mocidade

luns, 20 de marzo do 2017 Redacción

O enxeño e o maxín da nosa mocidade van ter máis recoñecemento. Así o fixo saber estes días a Consellería de Cultura e Educación, que vén de convocar un premio de innovación educativa co que se busca visualizar e salientar o traballo que están a desenvolver os centros educativos públicos en prol da promoción e impulso dos coñecementos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), presentes nas materias de libre configuración autonómica de Programación (ESO) e Robótica (Bacharelato). O nome certame, Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D, fai alusión directa (precisamente) a estas materias.
Segundo fai saber Educación, cada centro poderá concorrer con até un máximo de seis equipos, que estarán configurados por un mínimo de tres alumnos e un máximo de seis. A competición artellarase en dúas categorías e tres desafíos. A categoría STEM junior está concibida para proxectos sinxelos realizados por alumnado de iniciación e é aconsellábel para alumnado de 1º, 2º, 3º de ESO, FP Básica ou PMAR. Pola súa banda, a categoría STEM senior está orientada a proxectos máis complexos, para alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato.
O desafío robots consiste en que un ou varios robots, sobre un escenario, realicen accións ou tarefas encamiñadas a dar solución a unha situación que teñan aplicación na realidade da vida cotiá.
O desafío programación basearase nun proxecto tecnolóxico que dea solución a unha necesidade concreta onde se utilicen linguaxes de programación tipo Scratch.
No desafío impresión 3D empregarase unha impresora destas características para o deseño e construción de todas ou parte das pezas da maqueta que represente ao proxecto.
En canto aos premios, outorgaranse un total de seis, un por cada desafío e categoría. En concreto, cada galardón ascende a 2.000 euros, que irán destinados ao centro docente do equipo gañador. A maiores, os alumnos e alumnas dos equipos recoñecidos recibirán un premio ou unha distinción e poderán participar nun evento onde amosen os seus traballos e destrezas.
Os centros teñen até o 21 de abril como data límite para presentar a solicitude e a documentación de cada proxecto STEM. Todos os detalles da convocatoria poden consultarse na ligazón específica da Consellería de Cultura e Educación.

PUBLICIDADE