Os Diálogos confinados do CCG destacaron o inmenso potencial galego en materia de videoxogos
luns, 1 de xuño do 2020
Os
días pasados tocou falar de videoxogos e das súas posibilidades
presentes e futuras, e tamén do importante talento que atesouramos
en Galicia para ser unha potencia no sector. Este
foi o fío temático da sexta entrega do ciclo Diálogos
confinados do Consello da
Cultura Galega, que analizou este ámbito do lecer
dixital na compaña de dous representantes do sector na nosa terra:
Fernando Prieto, co-responsábel dos referenciais estudios galegos
Gato Salvaje, e Carla Bolaños, estudante de mestrado e integrante de
Digital Monster Collective, un colectivo multidisciplinar galego. Na
cita tamén interveu Manuel Gago, director de Culturagalega.gal.
Durante
a conversa abordaron a situación do sector en Galicia desde o punto
de vista do potencial creativo existente e reivindicaron a necesidade
de crear “estruturas para poder conectar o talento co mercado”.
Fernando
Prieto fixo fincapé no “inmenso potencial creativo de Galicia”
pero tamén nas eivas: “Falta a estrutura, planificar os proxectos
pensando en que teñen que chegar ao mercado” asegurou. Pola súa
parte, Carla Bolaños, estudante do mestrado e UX Designer en
Digital Monster Collective, achegou o seu punto de vista como
estudante e na conversa insistiu “na necesidade de crear vínculos
entre a universidade e a empresa”, ademais de apostar polas
subvencións como vía para sacar adiante proxectos.
Ambos
os dous coincidiron en que a situación actual dificultou o seu
traballo. “As redes non funcionan todo o ben que deberían”
indicou Fernando e Carla engadiu que “falta a axilidade da reunión
presencial”. Porén, dixeron, “este sector ten as fases de
traballo moi ben compartimentadas” e, en pouco tempo, puideron ir
afacéndose ás novas rutinas e sacar adiante os proxectos.
Vídeo da conversa sobre videoxogos