Os Encontros de Lúa Chea (Campus de Lugo) profundarán no fenómeno das fake news

luns, 23 de marzo do 2026 S. P.

Os Encontros de Lúa Chea, un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación da Primavera Cultural, ofrece o xoves 26 de marzo, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro Medios de comunicación: información ou desinformación na era das fake news.
Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio asinado por USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
“Vivimos un momento en que acceder á información semella moi doado: as pantallas dos dispositivos que nos rodean cadora funcionan como xanelas abertas ao mundo”, explican dende a organización do evento engadindo que malia todo, esa mesma facilidade convértese nun risco cando esas pantallas se enchen de loiadas (fake news) ou de información de parte. “Vivimos en constante perigo de manipulación dixital. Un risco que, ademais, afecta de forma máis intensa á mocidade”, engaden.
Raquel Lema, redactora da CRTVG e presidenta do seu Comité Intercentros, e Orestes Currás, correspondente de RTVE en Lugo e representante territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia nesta provincia tentarán dar resposta a estas e outras cuestións.