Os Energy Days botan luz sobre o imparable proceso de dixitalización da enerxía

martes, 8 de outubro do 2024 S. P.

O presidente do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL), José Ramón Franco, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta, Pablo Fernández Vila, inauguraron na mañá deste 8 de outubro o congreso Energy Days, un foro de debate sobre enerxía, industria e dixitalización que ten lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela ata o 10 de outubro e que “nace coa vocación de ser o gran punto de encontro do sector enerxético no nordés peninsular”, segundo José Ramón Franco.
Engadiu que a enerxía, a industria e a dixitalización son tres sectores “que se atopan nun estado de innovación permanente e que nos esixen compartir coñecemento en espazos de colaboración aberta como os Energy Days”. Indicou que “nos últimos anos o binomio de desenvolvemento relacionado coa transición enerxética e a transformación dixital está a cambiar a nosa sociedade e, por suposto, a nosa industria, afectando á estratexia de fabricantes, enxeñerías e empresas de servizos”.
Pola súa banda, Fernández Vila incidiu na importancia de “apostar polas enerxías renovables nun territorio rico nestes recursos como é Galicia e, deste xeito, seguir reducindo a dependencia enerxética do exterior”. Nesta liña, dixo, “a nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia impulsada pola Consellería de Economía e Industria servirá de aval para que esa riqueza natural transfórmese en riqueza social, garantindo que os proxectos que aproveiten os recursos naturais beneficien á cidadanía galega”.
O director xeral tamén fixo referencia á dixitalización, onde a Intelixencia Artificial é unha das principais protagonistas. Neste punto, compartiu a necesidade de dispoñer dun marco ético recoñecible, seguro e aceptado por todos para o seu idóneo desenvolvemento. Por iso, engadiu, “a Xunta está a tramitar a Lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial en Galicia, que converterá á Comunidade na primeira rexión europea en dispoñer dunha regulación única, sistemática e coherente cos principios comunitarios na materia”.
Eficiencia enerxética
A eficiencia enerxética na industria centrou a primeira das tres sesións celebradas na mañá deste 8 de outubro no edificio CINC da Cidade da Cultura. Así, Silvia Fernández, responsable de proxectos da Zona Norte para o Grupo Eurofred, presentou as tendencias tecnolóxicas en sistemas HVAC (calefacción, ventilación e aire acondicionado) e para ACS (auga quente sanitaria), dando unha breve visión dalgúns dos sistemas dispoñibles e que irán aparecendo no sector.
Jorge Boquete, director comercial de Ledison Lighting, presentou as actuacións que se poden realizar para facer máis eficientes instalacións lumínicas en industrias nas que xa se realizaron intervencións previas de mellora da eficiencia enerxética.
Finalmente, Luis Pita, técnico de Planificación e Análise de Repsol A Coruña, presentou o caso concreto de como a eficiencia enerxética foi un piar básico na transformación do complexo industrial herculino.
A segunda mesa de debate xirou en torno aos Certificados de Aforro Enerxético, desde o seu contexto regulamentario ata o que poden aportar ás empresas industriais e do sector terciario para contribuír á mellora da eficiencia enerxética dos seus procesos.
Finalmente, na sesión 3 debateuse sobre autoconsumo e comunidades enerxéticas industriais. Así, Miguel R. Morgado, de Ecorés, puxo en valor os beneficios que as comunidades de enerxía achegan á integración do sector industrial, poñendo varios exemplos de comunidades con distintos perfís de consumo que xa están en desenvolvemento
Inicio de Enerdixital
Este mércores os Energy Days incluirán un seminario sobre combustibles sostibles e unha sesión sobre enerxías renovables e almacenamento de hidróxeno. Pola tarde abrirá as súas portas o congreso Enerdixital, un veterano evento que este ano se incorpora aos Energy Days e que arrincará cunha sesión sobre transición enerxética.