Os MP4 de Blusens achegarán catro bloques de contidos multimedia: cinema, música, tendencia e personaxes

luns, 17 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

A menos xa de 24 horas para a súa presentación oficial no Hotel Araguaney de Santiago (ás 12.00 horas) o BueEfepack segue a desvelar paseniño algún que outro segredo. O servizo, que é froito dun traballo conxunto de Blusens e a Axencia Efe, consiste nunha oferta de contidos multimedia do dito medio de comunicación para os reprodutores MP4 da compañía tecnolóxica compostelá.
Isto que significa? Pois basicamente, que os usuarios do dito aparello de última xeración terán ó seu alcance catro grandes bloques temáticos (cinema, música, tendencia e personaxes) e todo o que iso implica: novas de estreas nas salas, imaxes de celebridades de todo tipo, videoclips dos éxitos actuais, información sobre videoxogos, produtos de lecer e moda ou fotografías dos concertos máis salientables celebrados ó longo dos últimos 25 anos.
O abano é variado, segundo informa Efe.
Dito doutro xeito, os MP4 de Blusens operarán con algo máis que coa música e os vídeos que nós persoalmente elixamos e teñamos previamente ó noso alcance na Rede: conectándonos a web do novo servizo posto en marcha coa axencia, poderemos elixir un dos paquetes devanditos (a través dun código personalizado) e estar decote actualizándoos.

PUBLICIDADE