Os Motorola Edge e Edge+ apostan polo 5G e un deseño premium

mércores, 22 de abril do 2020 Marcus Fernández

Aínda que Motorola é unha marca de smartphones moi asociada á gama media, hoxe presentou novos teléfonos que seguen a pauta doutros fabricantes chineses apuntando á gama alta, como son os Motorola Edge e Edge+, que basicamente comparten deseño, pero que están equipados con distintos procesadores e cámaras para así apuntar a rangos de prezos radicalmente diferentes.
O Motorola Edge sería un smartphone bastante atractivo, cunhas prestacións propias dun gama media, pero sen chegar a buscar un prezo agresivo, de aí que o seu procesador Qualcomm Snapdragon 765 con 5G chegue acompañado con características como unha pantalla ultra panorámica de 6,7 polgadas con HDR10+, unha velocidade de refresco de 90 Hz, sensor de pegadas, unha perforación para a súa cámara frontal de 25 Mpíxeles e uns bordes curvados, deixando claro que pretende dar a sensación de ser un produto dunha gama bastante elevada.
Na súa parte traseira conta cunha cámara tripla, da que o seu sensor principal é de 64 Mpíxeles, o seu ultra grande angular de 16 Mpíxeles con Macro Vision e o seu teleobxectivo de 8 Mpíxeles. Como acontece noutros móbiles de Motorola, tamén aposta por unha batería xenerosa (cunha capacidade de 4.500 mAh) e con carga rápida.
O seu prezo aínda non se desvelou oficialmente, pero coméntase que chegará a España en xuño nunha versión con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento a un prezo de 599 euros, mentres que a versión con 6 GB de RAM aínda non se sabería o seu prezo final.

Vídeo promocional do Motorola Edge

Pero a grande sorpresa é o Motorola Edge+, xa que ousa introducirse na gama alta premium, de xeito que cando chegue a España no mes de maio terá un prezo de 1.199 euros, algo que parece impensable para un smartphone desta marca, que nos últimos anos destacaba pola velocidade das actualizacións de Android (algo moi valorado por certo perfil de usuario) e non polas elevadas prestacións dos seus terminais.
O Motorola Edge+ estará equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 865 con 5G e Wi-Fi 6, 12 GB de RAM, 256 GB de almacenamento interno, batería de 5.000 mAh con carga rápida (e carga sen fíos reversible) e unha cámara traseira tripla que eleva o seu sensor principal até os 108 Mpíxeles. Promete gravar vídeo con resolución 6K.
Quedará agora por ver se estes móbiles atoparán un oco no mercado, xa que resulta difícil que o público fiel á marca aposte por dispositivos neste rango de prezo, especialmente nun momento no que xa hai smartphones claramente superiores a un prezo inferior.

Vídeo promocional do Motorola Edge+

O Motorola Edge+ conta con carga sen fíos reversible

PUBLICIDADE