Os Pitufos estrean videoxogo de balde para iPhone e iPad

venres, 12 de novembro do 2010 Marcus Fernández

A máis de 50 anos da súa creación e a poucos meses do lanzamento dunha triloxía cinematográfica que mesturará acción real con gráficos xerados por ordenador, os Pitufos volven ao mundo dos videoxogos (os seus últimos títulos apareceran para Game Boy Advance e a PlayStation orixinal) con Smurfs’ Village, un xogo para iPhone e iPad que pode descargarse de balde dende onte e que vén a ser un clon de We Rule ou de Farmville, que foi desenvolvido por Capcom Interactive, e que consiste na construción dunha nova vila que os Pitufos poidan chamar fogar.
Smurfs’ Village parte dunha casa-cogomelo e unha leira, a partir dos que poderanse construír novas vivendas, elaborar xardíns, edificar pontes… cuns gráficos inspirados no universo dos Pitufos (claramente o punto forte deste título), e permitindo ao xogador encarnar ao seu pitufo favorito (incluíndo a Papa Pitufo, a Pitufiña ou Pitufo Sabido), gozar de mini-xogos (protagonizados por Papa Pitufo, Pitufo Lambón e Pitufo Pintor)… ¡e incluso contactar cos amigos a través de Facebook e mandar agasallos ás súas vilas pitufas! Tamén é posible xogar fóra de liña.
O xogo é de balde porque permite a compra de contidos adicionais con cartos reais (e pagamentos en bloques de 3,99 ou 9,99 euros), repetindo así o modelo de negocio de Farmville.

Smurfs’ Village inclúe varios mini-xogos

PUBLICIDADE