Os Pitufos estrearán novo videoxogo en outubro

venres, 28 de maio do 2021 Marcus Fernández

O estudio responsable de Astérix & Obélix XXL Remastered, OSome Studio, será o responsable do xogo The Smurfs: Mission Vileaf ou Les Schtroumpfs: Mission Malfeuille (que sería algo así como Os Pitufos: Misión Malafolla), unha aventura de plataformas en 3D ambientado no mundo dos Pitufos, e que ten previsto chegar ao mercado o 25 de outubro con versións para PC, PlayStation 4, Xbox One e Nintendo Switch.
O xogo parte dun malvado descubrimento de Gargamel, quen desenvolve unha fórmula que crea unhas plantas que atraen aos Pitufos e aprisionaos, resultando tamén un grande perigo para o bosque e, moi especialmente para os campos de zarzaparrilla. Ante esta situación Papá Pitufo pide aos seus fieis Pitufos que localicen os ingredientes para crear un antídoto que sexa capaz de erradicar a creación de Gargamel. Os heroes desta aventura serán a Pitufiña, Cachirulo, Lambón e Sabido, sendo os catro controlables polo usuario.
A chegada deste xogo será só o principio, xa que a francesa Microids e IMPS asinaron un acordo para o desenvolvemento de catro novos xogos dos Pitufos, abordando distintos xéneros, de xeito que estas pequenas criaturas azuis seguirán a dar moito xogo nos vindeiros anos.

JPEG - 121.1 KB
No novo xogo os Pitufos terán que explorar un amplo territorio para localizar os ingredientes para librarse da última creación de Gargamel

PUBLICIDADE