Os Poco X7 e X7 Pro recuncan coa súa proposta de potencia a un prezo contido

xoves, 9 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

A liña de móbiles Poco de Xiaomi continúa a ser moi interesante, por achegar grandes prestacións a prezos axustados, e os novos X7 e X7 Pro non son unha excepción, como poderemos comprobar en España nos vindeiros días, cando comecen a chegar ás tendas.
O Poco X7 é un smartphone que funciona cun procesador Dimensity 7300-Ultra, 8/12 GB de RAM LPDDR4X, 256/512 GB de almacenamento interno UFS 2.2, pantalla AMOLED de 6,67 polgadas con resolución de 2.712 x 1.220 píxeles e un refresco de 120 Hz, unha cámara traseira tripla con sensor principal estabilizado Sony IMX882 de 50 Mpíxeles, cámara frontal de 20 Mpíxeles, NFC, 5G, Bluetooth 5.4, Wi-Fi 6, altofalantes estéreo con soporte de Dolby Atmos, resistencia IP68, lector de impresións dixitais en pantalla e unha batería de 5.110 mAh con carga rápida de 45 watts, que presenta unha aparencia de teléfono ben construído, mantendo o seu prezo en a partir dos 249,99 euros.
Máis interesante e máis honesto sería o Poco X7 Pro, que funciona cun procesador Dimensity 8400-Ultra, 8/12 GB de RAM LPDDR5X, 256/512 GB de almacenamento UFS 4.0, pantalla AMOLED de 6,67 polgadas cunha resolución de 2.712 x 1.220 píxeles cun refresco de 120 Hz, cámara traseira dupla cun sensor principal estabilizado Sony IMX882 de 50 Mpíxeles e un ultra grande angular de 8 Mpíxeles (evitando o ridículo de instalar unha cámara macro de 2 Mpíxeles como o seu irmán menor), cámara frontal de 20 Mpíxeles, sensor de impresións dixitais en pantalla, NFC, 5G, Bluetooth 5.4, altofalantes estéreo con Dolby Atmos, resistencia IP68, batería de 6.000 mAh con carga rápida de 90 watts, que cun prezo de partida de 319,99 euros é un dispositivo bastante atractivo.
Cómpre salientar que estará dispoñible en varias cores (amarelo, negro e verde) e, no caso da versión con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento tamén será posible adquirir unha versión Iron Man Edition Red, cunha traseira inspirada no heroe cinematográfico da Marvel.
Aínda que falemos de móbiles chineses económicos, non quedarán totalmente atrás na carreira da IA, e anuncian que contará con Google Gemini como asistente (precisando de conexión á Internet para gozar de tal funcionalidade).