Os Premios AJE Vigo chegan á súa XX entrega con catorce candidatos de alta innovación

venres, 26 de setembro do 2025 S. P.

Quince firmas candidatas da provincia, maioritariamente de Vigo e a súa área de influencia e boa parte deles tecnolóxicas, optan ao Premio Novo Empresario/a e ao Premio Iniciativa Emprendedora que cada ano entrega a Asociación de Novos Empresarios (AJE) de Vigo e Sur de Pontevedra. A gala na que se coñecerán os gañadores celebrarase o martes, 30 de setembro, ás 18.30 horas, no auditorio da Zona Franca de Vigo (rúa Areal). Como é habitual, os proxectos optan tamén a dous accésits: Innovación e Responsabilidade Social Empresarial (RSE).
Na listaxe hai un software galego de gran utilidade para a xestión de marcas de moda: Datcisions. E tamén unha plataforma de scape rooms dixitais e personalizados: Skeirrum. E mesmo unha plataforma de cociñas virtuais: Adleta Solutions.
Son, en palabras de AJE, “catorce candidaturas que debuxan o mapa do novo emprendemento novo: proxectos como un clásico vigués convertido en franquía; tecnoloxía ao servizo do téxtil; unha empresa de drons, negocios de proximidade para acompañar a empresas, servizos de lecer e benestar ou escolas infantís que aplican métodos alternativos ao tradicional”.
-Datcisions. Software galego para marcas de moda e retallistas fundado en 2022 en Nigrán por Pablo Franco Corbacho. Axuda a organizar o catálogo e existencias e a decidir a planificación de coleccións, compras, reparto a tendas e prezos nunha soa plataforma que se conecta en minutos con Shopify. Conta cunha versión gratuíta que se amplía segundo necesidades do cliente. A aplicación agrupa produtos automaticamente, crea taboleiros de inspiración e suxire axustes de prezos. Pecharon unha rolda de 170.000 euros e prevén duplicar o seu persoal en 2026.
-Laboris Legal. Despacho especializado en dereito laboral e Seguridade Social fundado en 2023 en Vigo por Gisela Garrido. Baixo o lema o seu lema, Dereito laboral con alma, ofrece cobertura integral a traballadores, persoas autónomas e pequenas empresas: despedimentos e sancións, reclamacións de cantidade e dereitos, acoso laboral e vulneración de dereitos fundamentais, e Seguridade Social (pensións, impugnación de altas médicas e incapacidades), ademais de asesoramento continuado a autónomos. Está a implantar procesos de calidade (tempos de resposta, cumprimento de prazos, satisfacción e taxa de éxito) para estandarizar a experiencia do cliente.
-Skeirrum. Plataforma de scape rooms dixitais e xeolocalizados fundada en 2022 na Guarda por Erea Rodríguez Martínez. Estreou o seu primeiro evento competitivo na Guarda con máis de 250 participantes simultáneos. Hoxe suma máis de 150 proxectos para concellos, deputacións, GDRs, centros educativos e empresas, con liñas diferenciadas en turismo, educación e team building. O seu webapp permite xogar en calquera contorna sen infraestrutura física, desde o móbil, con probas narrativas, clasificacións en tempo real, soporte remoto e capacidade para máis de 500 persoas en paralelo; unha proposta dinámica, adaptable e flexible, pioneira en Galicia. En RSE, integra igualdade, corresponsabilidade, inclusión e dinamización do rural. Participa en ViaGalicia.
-Papos (Bocatería Papos). Marca histórica de Vigo nacida en 1982 por Lourdes e Pepe nun local de 22 m² de rúa de Venezuela e hoxe liderada por Óscar Amoedo Lusquiños, que decide relanzar a marca tras o seu traslado á rúa Venezuela e apostar polo modelo de franquía. Iconas como o bocadillo “Lourdes” e a hamburguesa “Giorgios” conviven cunha carta actualizada (opcións veganas, vexetarianas e sen glute) e servizo en sala, recollida e a domicilio. Traballa con produto galego e provedores de proximidade (mesmo panadeiro desde os inicios), pero apostou forte pola dixitalización. Tras o cambio de local, o equipo pasou de 3 a 12 persoas; en 2025 abrirán en Santiago e Madrid (con 2 solicitudes máis para 2026). En RSE, apostan por packaging refugable e reciclable.
-Uxía Román Fisioterapia e Osteopatía. Fisioterapeuta e osteópata con máis de 10 anos de experiencia (nove como especialista en Madrid), en marzo de 2025 abre consulta en Vigo. Especializada en pediatría e maternidade, acompaña a bebés, nenos e familias en desenvolvemento motor, fisioterapia respiratoria e valoración de frenillo lingual curto; en adultos, aborda dor, ATM e recuperación funcional cun enfoque global, próximo e baseado na evidencia. Ademais, ofrece obradoiros e charlas para prevención e educación sanitaria e prepara recursos dixitais de acompañamento fóra da consulta.
-VigSecDrone. Startup con sede en Nigrán (Pontevedra) fundada en 2019 por Rubén Gil Fontán. A compañía redefine a seguridade, as emerxencias e as operacións estratéxicas aplicando tecnoloxías UAS. Imparten formación de pilotos con experiencia en misións complexas e son creadores de Suite ACRE, un software de mando e control que permite operacións simultáneas, no mesmo espazo aéreo, de drons e aeronaves tripuladas por terra, mar e aire. En 2025 pecharon unha rolda de 1 millóns de euros para acelerar integracións, novas funcionalidades e a despregadura internacional de ACRE.
-Vinak. Nacida en outubro de 2023 da man de Iván Losada Varela, Vinak é un proxecto familiar de pai e fillo que mestura viño e enxeñería. Deseña, fabrica e vende accesorios de viño e utensilios de cociña así como un catálogo máis amplo. Ofrece personalización do catálogo e distribúe por toda Europa vía marketplaces, web, tendas físicas e canle B2B con adegas. En 2024 xestionou máis de 23.000 pedidos; en 2025 trasladouse a unha nave na Granxa, participou en Vía Galicia e acreditouse como empresa colaboradora de UNICEF.
Candidatos Premio Iniciativa Emprendedora
-Adleta Solutions. Plataforma de cociñas virtuais e de cociñas propias multimarca a domicilio, coñecidas como dark kitchen. Fundada en 2024 en Vigo por Adrián Pena González. Nada tras obter a concesión da marca do youtubeiro MrBeast, deseñou un modelo “chave en man” de baixo investimento e facilmente replicable para que restaurantes xa consolidados optimicen as súas cociñas virtuais e abrir liñas de negocio de repartición e recollida. Opera en dúas liñas: implantación de marcas recoñecidas en cociñas existentes e desenvolvemento de cociñas multimarca propias. Traballou no seu primeiro ano en máis de cinco países e máis de 100 restaurantes virtuais, cun crecemento por catro dos ingresos en España en dous meses e unha facturación mensual superior a 100.000 euros.
-Andrea Costa Amorín. Xestora cultural independente con sede en Tui (Pontevedra). Tras unha traxectoria iniciada en 2016 co Festival Arraianos e proxectos como Tu&Tapa, en outubro de 2024 comeza actividade como autónoma para deseñar e producir, de principio a fin, programacións e eventos para concellos, asociacións e entidades, integrando programación artística, provedores, comunicación e imaxe. En 2024–2025 impulsa o Festival de Jazz de Ponteareas e desenvolve unha aplicación móbil de autoxestión cultural para concellos que simplifica trámites, reduce custos e profesionaliza a xestión. Foi relator na USC e a UNED, é autora de dous libros infantís e adoita crear a imaxe visual dos eventos que organiza.
-AP Asesoría. Firma fiscal e contable creada por Ana Prado Cabral e Fran Barros Cordo, con sede en Vigo. En maio de 2025 constitúen AP Asesoría Integral, consolidando un modelo que acompaña a autónomos e pemes “do tradicional ao dixital”: desde comercios ata creadores como youtubers. A súa proposta rompe coa asesoría tradicional cunha forte presenza en redes. Clientes en toda España, principalmente en Galicia.
-ASES Asesores. Cooperativa de asesoría integral fundada en 2025 en Redondela e impulsada por Sara Sánchez Domínguez. Ademais de fiscal-contable e laboral, acompaña a autónomos e pemes en plans de negocio e crecemento apoiado en subvencións, e integra seguros grazas á experiencia de máis de 30 anos dun dos seus socios. Ademais, apóiase nunha rede de colaboradores para solucións 360 graos. O seu selo é unha comunicación próxima e divulgativa para facer a asesoría máis accesible e humana.
-Barre The Club. Primeiro centro que trae en exclusiva a disciplina barre a Vigo (adestramento de corpo completo inspirado na barra de ballet que mestura pilates, ioga e exercicios de forza), fundado en 2024 e aberto ao público en abril de 2025 por Ana Barbosa Cancelo e María Varela Pahino. Combina fitness e wellness con enfoque de comunidade feminina, ofrecendo clases de 50 minutos que fusionan pilates, ioga e ballet. Manteñen clases no seu centro da rúa Ecuador e organizan eventos deportivos.
-Ohana Escola Infantil. Tras nove anos de burocracia e obra, a escola infantil de 0–3 de Ángela Martínez Antúnez arrincou este curso en Tui. Nunha contorna rural, a proposta pedagóxica combina Pikler, Waldorf, Reggio Emilia e Montessori, respectando o ritmo e individualidade de cada neno. Usa materiais naturais -principalmente madeira- e un sistema modular que integra as aulas nun gran espazo flexible, adaptable a cada etapa. O centro dispón dunha aula exterior de 1.500 metros cadrados e unha contorna natural singular para a aprendizaxe ao aire libre. En paralelo, aliouse con AGADEI para impulsar un novo decreto que permita un uso máis amplo e respectuoso dos espazos exteriores en educación infantil.
-Porriservi. Servizo profesional de limpeza e mantemento fundado en xaneiro de 2025 no Porriño por Patricia Reinaldo Tovar. Atende a particulares, oficinas e comunidades na provincia de Pontevedra, con servizos de limpeza residencial, comercial e industrial e servizos especializados como pulido, encerado e abrillantado de chans, limpeza de teitos e paredes e de áreas exteriores.