Os Premios INNOVA-G preparan a súa terceira edición

venres, 28 de setembro do 2012 Redacción

JPEG - 125.6 KB
Entra dos premios de AGESTIC na súa pasada edición

A convocatoria aos Premios INNOVA-G 2012 está aberta ata o luns 15 de outubro. Poden participar as empresas galegas de tecnoloxía, internet ou que desenvolven proxectos/produtos/servizos 2.0 ou contidos dixitais nas seguintes categorías:
- Mellor start-up galega: empresa constituída a partir do 1 de xaneiro de 2010, altamente tecnolóxica e innovadora. Valorarase o grao de novidade do produto/servizo tecnolóxico, de Internet ou contidos dixitais desenvolvido ou prestado, o seu crecemento exponencial, a visión global, as posibilidades de expansión internacional, o ambiente de traballo, igualdade de xénero, promoción da sustentabilidade e os valores sociais.
- Mellor emprendedor/a galego/a TIC: premio ao galego ou á galega líder que día a día, xunto ao seu equipo, saca adiante un proxecto empresarial tecnolóxico (non é requisito que a empresa estea radicada en Galicia.). Non hai límite de idade.
- Mellor desenvolvemento 2.0: premio á PEME galega responsable do desenvolvemento 2.0 (redes sociais, comercio electrónico, e-learning, xogos sociais e calquera outro proxecto tecnolóxico que implique a participación directa do usuario final) que sexa considerado o mellor feito en Galicia no 2011 ou 2012.
- Mellor aplicación para dispositivos móbiles: premio á PEME galega responsable do mellor software, da mellor aplicación para dispositivos móbiles, desenvolvido no 2011 ou 2012.
- Mellor desenvolvemento deseño web: premio á PEME galega responsable do mellor deseño/desenvolvemento web do ano 2011 e 2012, valorarase a creatividade, usabilidade e accesibilidade do sitio.
Entregarase tamén unha Mención de Honra, outorgada polo xurado, a aquel evento de networking realizado en Galicia polo seu labor intensivo e frutífero de impulso da Sociedade da Información.
Estes premios, sen dotación económica e outorgados por un xurado formado polas entidades promotoras, constitúen un bo impulso para os seus participantes como se confirmou nas dúas edicións anteriores, con proxectos e aplicacións xa coñecidas por todos, como por exemplo, Menus.es, Pezcalo, Meubook, Toupa.net, Binaurality, Orama ou Webphone.

JPEG - 126.7 KB
Fotografía de familia dos galardoados na pasada edición dos Premios INNOVA-G

PUBLICIDADE