Os Premios Igualdade de Xénero recoñecen o labor das nosas novas creadoras de contidos

luns, 18 de decembro do 2023 S. P.

O MUNCYT da Coruña acolleu este sábado a entrega dos Premios Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña. A deputada de Outes Soledad Agra, fixo entrega dos galardóns ás persoas e centros educativos premiados nas diferentes categorías dos certames que organiza a Área de Igualdade da entidade provincial, repartíronse un total de 117.200€. O acto contou tamén coa intervención poética de Aldao Lado.
O Premio Concepción Arenal a proxectos educativos pola igualdade de xénero repartiu 15.000€ entre o Colexio de Educación Infantil e Primaria de Outes na modalidade de educación infantil; o Colexio de Educación Infantil e Primaria CEIP María Pita en educación primaria, e o Instituto de Bacharelato Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
O Concurso de Microvídeos De fronte á Violencia de Xénero, con premios de 1.000€, está enfocado ás violencias dixitais, premiando a rapaces/as de entre 12 e 18 que elaborasen unha pílula audiovisual con potencial para axudar á poboación adolescente a crear debate, reflexión, mobilización e cambio social sobre esta temática. As gañadoras foron Lucía García Amado e Iria Gavilanes Villar, por Detrás das túas palabras e Irene Rama Fraga e Aarón Fernández López, por Apaga o móbil, dos Tilos.
O Premio Luisa Villalta a proxectos pola Igualdade, pola súa parte, destinou 100.000€ a dez propostas que poñen en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres: Donas da súa vida, de Nuria Prieto González; Que din as Rumorosas, de María Helga Méndez García; María Barbeito: innovación e resistencia, de Artefeito Produccións; Unha música no insti, de Laura Romero Pereira; As voces das Mulleres, d’’ A Antena; Proxecto de investigación escénica e escritura do texto dramático Villamiseria, de María Victoria Teijeiro Álvarez; En clave de muller, de Genma María Pardo Faraldo; Cara ao exilio. Gloria Rodríguez, de La Nuestra comunicación publicitaria; Flores de ferro 2.0 de Melandrainas Creativa e A Nai de Carmen García Facorro.
E, por último, o Concurso de Viñetas Pan e Rosas, en dúas categorías, de 12 a 14 anos e de 15 a 18, con primeiro, segundo e terceiro premio en cada un, con un importe de 100€ en cómics e un iPad, para traballo arredor da conmemoración, premiou, na primeira categoría a Mago Macín; Zebrysta, do Concello da Coruña e Lorem Ipsum, do Concello de Oleiros.
As persoas e centros premiados recolleron os seus galardóns da man da deputada de igualdade nun acto que puxo en valor o traballo individual e colectivo da sociedade civil na loita contra a violencia de xénero. Soledad Agra agradeceu o labor de todos os premiados e premiadas, e fixo un chamamento xeral para a participación nas vindeiras edicións destes galardóns. No caso do Premio Luisa Villalta está aberto actualmente o prazo de presentación das propostas.

PUBLICIDADE