Os Premios Manuel Beiras celebran os seus 20 anos
venres, 15 de novembro do 2019
A
través dos Premios
Manuel Beiras, o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio
local levan 20 anos recoñecendo o uso do galego das comunicacións
das empresas e comercios locais. Agora, trala natural evolución do
certame, que se adaptou plenamente ao uso das redes sociais (onde
tamén se pon o punto de mira para comprobar o nivel de compromiso
coa lingua dos aspirantes), poderíase dicir que a iniciativa abre un
novo capítulo na súa andaina, un feito ao que se suma a estrea da
nova concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, á fronte
da mesma. Foi
Noa Díaz, xunto co vogal da Cámara de Comercio, Xavier Freire, quen
deu a coñecer hoxe a nova convocatoria.
Segundo
fixeron saber, os galardóns entregaranse o 16 de decembro, ás 20:00
horas, no Teatro Principal, “nun acto moi especial que estará cheo
de lembranzas e sorpresas con motivo deste 20 aniversario”.
Os
novos premios, dixeron, pretenden poñer de manifesto os aspectos
positivos da comunicación comercial en galego en dúas vertentes: de
cara ás empresas, “para que reparen no aprecio do público-cliente
compostelán polo uso da nosa lingua, asociada a valores como a
proximidade, a confianza ou a calidade”; e de cara á cidadanía,
para “destacar os negocios que responden ás expectativas de dar
servizo en galego e evidenciar a capacidade que ten, como clientela
potencial, para animalos e recompensalos coas decisións de compra”.
Os
Premios Manuel Beiras convócanse en dúas categorías: empresas que
veñan realizando un uso continuado da lingua galega e empresas que
se incorporaran recentemente ao uso da nosa lingua. Ademais, pode
outorgarse unha distinción especial a unha persoa ou entidade que se
destacara pola súa contribución á normalización da lingua no
mundo empresarial.
O
xurado dos Manuel Beiras estará formado por un representante do
Concello, da Cámara de Comercio, da Secretaría Xeral de Política
Lingüística, da Universidade de Santiago, dunha asociación en
defensa da lingua, do Colexio Oficial de Xornalistas, dunha
asociación de consumidores, e de cada unha das empresas premiadas na
edición anterior.
Para
presentar as candidaturas cómpre enviar unha mensaxe ao Departamento
de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.gal) ou ao
Departamento de Comunicación da Cámara
(comunicación@camaracompostela.org). Todas as que se formulen antes
do 10 de decembro seranlle transmitidas ao xurado desta edición, que
tamén poderá sumar as propias.
Ao
igual que nos últimos anos, a convocatoria dos Premios Manuel Beiras
vén precedida dunha campaña de promoción que ten como obxectivo
dar a coñecer os galardóns e incentivar a presentación de
candidaturas, así como animar ás empresas a comunicárense en
galego. Ademais, continuará tamén difundíndose o vídeo
#traballamos en galego, co que diversas empresas galardoadas
testemuñan o seu compromiso co galego nas súas tarefas cotiás.
Temos
toda a información do certame na súa páxina web, onde pódense atopar as listas de gañadores de edicións anteriores,
as bases da convocatoria e unha manchea de recursos gráficos sobre
os galardóns.