Os Premios María Luz Morales abren o prazo de recepción de candidaturas para a súa IX edición
luns, 21 de abril do 2025
A novena edición dos Premios María Luz Morales de Ensaio e Vídeoensaio sobre o Audiovisual está en marcha. O prazo de recepción de traballos está aberto ata o día 14 de setembro. Organizados pola Academia Galega do Audiovisual, son, en palabras da entidade, “os únicos galardóns en Galicia que contan co apoio das catro deputacións provinciais”. Buscan impulsar a produción académica relacionada co ámbito audiovisual e distribuíron un total de 38.400 euros en premios ao longo das súas oito edicións anteriores.
Os premios levan o nome da xornalista María Luz Morales en recoñecemento ao seu legado. Esta intelectual e pioneira da crítica cinematográfica española foi a primeira muller en dirixir un xornal de ámbito estatal. Republicana e figura destacada na defensa dos dereitos das mulleres, mantívose en activo ata os 91 anos de idade.
A convocatoria deste ano reafirma o seu compromiso coa excelencia académica e a diversidade de temas abordados neste ámbito. Dende a súa creación, os Premios María Luz Morales estimularon a produción de máis de 180 traballos de investigación en materia audiovisual, dos cales 43 foron premiados. Temas como o feminismo, a representación feminina, a análise de películas e series, e o paisaxe na obra audiovisual, foron recorrentes entre os traballos premiados.
O certame conta con catro categorías:
– Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego.
– Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional.
– Mellor videoensaio sobre audiovisual galego.
– Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional.
Todos os traballos deben presentarse en lingua galega e o gañador de cada categoría recibirá un trofeo conmemorativo e unha suma de 1.200 euros.
Entre as persoas que obtiveron un dos galardóns encontramos ao produtor e guionista Pepe Coira, responsable de series como Hierro ou Rapa; Lucía Estévez, directora da serie Os Argonautas e a moeda de ouro (RTVE); críticos cinematográficos como Iván Villarmea ou Brais Romero; programadores cinematográficos como Severiano Casalderrey ou Víctor Soho; a comisaria de exposicións Sara Donoso; a script Alba Gallego; Marcos Nine, cineasta guionista da serie Unha historia de crimes ou Ester G. Mera, directora de videoclips e fashion films.
