Os Premios Martín Códax recoñecen o labor da canle dixital do Diario Cultural da Radio Galega

xoves, 9 de maio do 2019 Redacción

O Diario Cultural da Radio Galega reformulouse na presente tempada, e entre as súas novidades estreou unha páxina web na que recollen as gravacións do seu espazo radiofónico, así como a súa canle de YouTube (que ultimamente recolle actuacións gravadas en salas de concertos), o que encaixa dentro da estratexia #Cultura365 da Radio Galega que está a ter boa acollida por parte do público e tamén da crítica, xa que nos VI Premios Martín Códax da Música recoñeceron á canle dixital do Diario Cultural como mellor espazo de comunicación.
A coordinadora de Cultura da CRTVG, María Solar, e a xefa de Programas da Radio Galega, Tania F. Lombao, recolleron o premio e agradeceron unha distinción que neste caso recoñece un programa de longa andaina na radio pública galega.
Na gran festa da música galega, que cada ano organiza a Asociación Músicas ao Vivo, tamén foron premiadas propostas musicais con proxección a nivel estatal e internacional como Baiuca, Bala ou Tanxugueiras; artistas consolidados no panorama galego como Marcos Teira, Xoán Curiel, Carmen Rey e Los Satelites, e propostas como as de Su Garrido Pombo, Xosé Miguélez, Adrián Saavedra, Ejazz e Igloo.
Nesta sexta edición dos Premios Martín Códax houbo quen repetiu, como Wöyza, Banda Crebinsky e o grupo estradense Nao. Tamén se recoñeceron as traxectorias do Festival de Pardiñas e da sala viguesa El Contrabajo Club.

PUBLICIDADE