Os Premios RAGC-UIE distinguen a sete investigadoras mozas da USC, a UDC e a UVigo

martes, 26 de novembro do 2024 S. P.

A primeira edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores mozos xa ten premiadas, detrás deste concurso atópase a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE). Dicir que estes galardóns teñen como finalidade impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade.
Os Premios RAGC-UIE distinguen a contribución da investigación ao avance das tres pólas de coñecemento: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas.
Na categoría de Ciencias Básicas a galardoada é Beatriz Pelaz (Valladolid, 1982), profesora da USC e investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). Foi premiada polo desenvolvemento de nanomateriais para lograr fármacos máis eficientes. O xurado salientou tamén “a súa importante adicación á divulgación científica, especialmente enfocada a remarcar o papel da muller na investigación”.
Susana Ladra (Santiago, 1984), profesora da Universidade da Coruña e membro do grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos na facultade de Informática, recibiu un accésit no apartado de Ciencias Básicas.
Outro dos accésit neste ámbito foi para Iria Gómez (Santiago, 1982), profesora da USC e directora do grupo de investigación Xenomas e Inmunidade no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS).
No caso das Ciencias Técnicas, distínguese a Belén Riveiro, (Cotobade, 1983), profesora na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo. Realiza a súa actividade investigadora no CINTECX (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais). Foi premiada polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas. Belén Riveiro usa a Intelixencia Artificial para diagnosticar a saúde das estruturas civís.
Concedeuse un accésit á enxeñeira Sara González (Mondoñedo, 1982) nas Ciencias Técnicas, profesora de Enxeñaría Química na USC e investigadora do CRETUS, sendo as súas liñas de investigación a economía circular, o estudo das pegadas ambientais e a análise da sustentabilidade; empregando a metodoloxía da análise do ciclo de vida (ACV) en sistemas industriais, agroalimentarios, urbanos e forestais.
En Ciencias Sociais o recoñecemento corresponde a Cristina Gómez (Vilalba, 1985), premiada polo estudo do comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas. É profesora de Psicoloxía da USC e desenvolve o seu labor no eido da psicoloxía política, a acción colectiva e o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas.
O accésit foi para Ariadna Monje (A Coruña, 1990) no apartado de Ciencias Sociais, profesora da Universidade da Coruña. Cursou o Máster en Dirección de Recursos Humanos no Michael Smurfit Graduate Business School (Dublín).
Cómpre informar que a este certame, que ten unha periodicidade bienal, poden presentarse persoas investigadoras que non superen os 40 anos de idade, ou os 42 no caso das mulleres que fosen nais ou das persoas con algunha discapacidade. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéndose ademais varios accésits. A esta primeira convocatoria presentáronse 63 propostas.