Os Premios RAGC-UIE recoñecerán o labor da nosa nova comunidade investigadora

xoves, 26 de setembro do 2024 S. P.

Promover a investigación científica en Galicia, recoñecendo e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade é a finalidade dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves que crearon a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE).
Deste xeito vén de publicarse a primeira convocatoria deste certame, que terá unha periodicidade bienal e distinguirá tres eidos de coñecemento, cunha dotación de 5000 euros cada un dos tres premios. Por unha banda, recoñecerase a contribución da investigación ao desenvolvemento das Ciencias Básicas en Galicia, en calquera dos ámbitos da Física, a Química, as Matemáticas, a Bioloxía, as Ciencias Biomédicas e a Xeoloxía. Asemade, premiarase o impacto da investigación no desenvolvemento das Ciencias Sociais na nosa comunidade nos eidos da Economía, a Socioloxía, a Antropoloxía social e a Psicoloxía social. Por último, no campo das Ciencias Técnicas recoñecerase a contribución da investigación ao desenvolvemento tecnolóxico nas áreas da Enxeñaría e a Arquitectura, valorando o grao de innovación e a súa aplicabilidade. En cada unha das categorías poderá concederse un accésit.
Segundo se di nas bases do certame, poderán presentar a súa candidatura todos aqueles investigadores e investigadoras que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que non superen os 40 anos de idade, ou os 42 no caso das mulleres que foran nais ou das persoas con algunha incapacidade.
O 15 de outubro remata o prazo para presentar as candidaturas a estes premios e estas deberán presentarse a través dun formulario específico na web da RAGC, describindo a traxectoria investigadora. Valorarase a contribución á creación de coñecemento por medio de publicacións en libros e revistas, a traxectoria internacional, a dirección ou participación en proxectos e captación de fondos para investigación, a dirección de teses de doutoramento e de proxectos fin de máster, así como a difusión da ciencia á sociedade. As premiadas e premiados recibirán os seus galardóns nun acto que se celebrará en decembro.