Os Premios Youtubeiras+ ábrense a todas as redes sociais e todos os formatos
mércores, 17 de setembro do 2025
Os Premios Youtubeiras+ acadan a súa novena edición cheos de novidades. Esta iniciativa, impulsada polas tres universidades galegas, os concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo e a Deputación da Coruña, presentou este mércores 17 de setembro os detalles da nova convocatoria nunha rolda de prensa celebrada no edificio Redeiras da Universidade de Vigo.
Na cita lembrouse que a finalidade destes premios é “promocionar o talento en galego nas redes sociais e, para iso, a organización apostou por abrir, nesta ocasión, o certame a todas as redes sociais e todos os formatos”. Recordaron que o concurso ata agora só permitía concorrer a quen lanzase as súas creacións en YouTube e TikTok pero agora “amplía o seu eido de acción permitindo participar a persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas en calquera das redes sociais en activo e accesible durante o certame”.
No acto de presentación, a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda, puxo en valor “a colaboración das tres universidades galegas” neste proxecto, unha colaboración que amosa “o noso compromiso coa lingua, cuxo futuro está nas novas xeracións e nas novas fórmulas de comunicación que empregan cada día”.
Reboreda, que estivo acompañada polo alcalde de Ames, Blas García; o rexedor do Concello de Rois, Ramón Tojo, e a concelleira de Normalización Lingüística de Moaña, María Dolores Chapela Pérez, salientou que “as redes sociais son un ecosistema fundamental para o espallamento, a medra e a proxección das linguas”.
Respecto das novidades, a vicerreitora avanzou que os cambios introducidos fan que os Premios Youtubeiras+ deste 2025 sexan “máis abertos, máis amplos e aínda máis inclusivos”, proxectando unha iniciativa “viva, que evoluciona e se adapta” a unha comunidade de creadores e creadoras en galego “que foi medrando ao abeiro deste proxecto”.
Categorías, premios e inscrición
A concelleira de Normalización Lingüística de Moaña, María Dolores Chapela, tamén se referiu na súa intervención ás novidades da convocatoria é a relevancia da implicación dos diferentes parceiros do proxecto. Ademais, avanzou que en total entregaranse 7.500 € en premios entre as sete categorías, que nesta edición serán: Canle, Creación de Contidos, Podcast, Revelación, Calidade Lingüística, Rede e Premio do Público. Cada galardón terá unha dotación de 1000 €, agás as dúas primeiras categorías, nas que o premio ascende a 1250 €. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o próximo 16 de novembro ás 23.59 horas.
Datos da última edición
O rexedor do Concello de Ames, Blas García, encargouse de debullar as cifras da anterior edición, así como o volume de participación das primeiras convocatorias. García ilustrou a evolución duns galardóns aos que concorreron un total de 89 canles en 2024, fronte aos 68 de 2023. Deles, 49 procedían de YouTube e 40, de TikTok. Ao sumar os vídeos creados en todas estas canles ao longo do certame, o cómputo global representou máis de 19.720 minutos de novos vídeos en galego en ámbalas plataformas.
No referente ao Premio do Público, García engadiu que “en 2024 se presentaron 41 vídeos nesta categoría, fronte aos 24 do curso anterior”. Para outorgar este galardón, que se decide por voto popular entre internautas, máis de 5000 persoas participaron na votación. Amais, compartiu os datos da primeira edición de Youtubeiras, que se celebrou entre 2016 e 2017. Por aquela altura, Youtubeiras fixábase máis nos vídeos, xa que a participación non se aglutinaba como agora arredor das canles. Con esa forma inicial de contabilizar a participación, en 2017 acadouse a concorrencia de 202 vídeos, mentres que en 2020, no ano do confinamento, chegouse ao pico de 536 vídeos.
Alborotar o algoritmo
Ramón Tojo, alcalde de Rois, encargouse de desvelar o xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras deste ano: Mónica Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.
O rexedor de Rois lembrou durante a súa intervención que os obradoiros de Youtubeiras+, outro piar fundamental do proxecto, serán impartidos nesta edición por Nuria Espasandín e Sergio Casal, de Toxío, e mais Laura Veiga, de Pingando. Tojo deixou xusto para o final un dos elementos máis representativos de cada edición dos Premios Youtubeiras: o seu lema.
Á rolda de prensa acudiron representantes das diferentes institucións organizadoras: o concelleiro delegado de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude de Oleiros, Ramón Maceira Giadanes; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez, a concelleira de Mocidade e Educación de Ames, Carmen Porto Rey, e a concelleira de Cultura e Festas do Concello de Carballo, Maruxa Suárez.
