Os Premios Youtubeiras+, oitava edición, xa teñen gañadoras

luns, 3 de febreiro do 2025 S. P.

O Pazo da Cultura de Narón acolleu na tarde deste sábado 1 de febreiro a gala de entrega dos Premios Youtubeiras+ (oitava edición), que teñen o obxectivo de encher as redes sociais de audiovisual creado en galego, poñendo o foco no Youtube. O evento foi presentada por Javi Sánchez e contou coa actuación musical do grupo De Ninghures. Ao longo da gala, deuse a coñecer o fallo do xurado, que decidiu seis dos sete galardóns, así como tamén o Premio do Público, que determinou unha votación dixital na que participaron 5056 persoas.

Exército Mekemeke recollendo o galardón

Exército Mekemeke fíxose co galardón na categoría de canle de YouTube e Sara Seco levou o galardón á canle de TikTok. Pola súa banda, Prado Rúa acadou o Premio á Creación de Contidos, Luís do Río recibiu o Premio á Calidade Lingüística, Rebelico Revista conquistou o Premio Rede e Galiactiva gañou o Premio Revelación. O vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego, logrou o Premio do Público. Os galardóns contan cunha dotación económica total de 7500 euros, repartidos da seguinte maneira: as categorías Canle de Youtube e Canle de TikTok están dotados con 1250 euros, mentres que no resto de categorías as canles persoas premiadas levan 1000 euros.
Como lembraremos, esta iniciativa está organizada polos servizos de normalización lingüística de dez concellos (Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo), das tres universidades e da Deputación da Coruña ten o obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.
Acta do xurado

Sara Seco recollendo o galardón

O xurado, conformado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023, xustificou na acta a súa decisión nos seguinte termos:
Exército Mekemeke recibe o premio na categoría de canle de YouTube “pola coidada estética empregada, a calidade técnica, a periodicidade das publicacións e a súa transversalidade”.
Sara Seco acada o premio na categoría de Canle de TikTok “pola súa constancia e regularidade, polo seu compromiso en moi diferentes causas (entre elas a da lingua) e polo establecemento dun “amplo abano de colaboracións”.

Pradorua no momento de subir ao escenario

Prado Rúa faise co Premio á Creación de Contidos “pola súa versatilidade e pola súa repercusión, así como polo seu contido, entre o cal destaca o específico para a recuperación de palabras galegas”
O Premio Revelación foi para Galiactiva, canle da que o xurado destacou “o uso e a introdución da lingua galega nun ámbito en que aínda ten escasa presenza, mais de importancia social crecente, e pola promoción de hábitos saudábeis”.
Pola súa banda, Luís do Río recibiu o premio na categoría de Calidade Lingüística polo seu “coidado no uso da lingua oral en todos os niveis” e a súa aposta pola “revitalización ou a recuperación léxica ao servizo dun meritorio didactismo”.
Ademais, Rebelico Revista acadou o premio na categoría Rede pola “capacidade de convencer ou trasladar unha comunidade real ao mundo virtual” e pola “retroalimentación e a expansión amosadas”. O xurado ademais validou o voto emitido pola comunidade, que decidiu entregarlle o Premio do Público ao vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego.
Finalmente, o xurado destacou en termos xerais “a calidade e a variedade das canles e propostas presentadas”. Este ano aspiraron aos Premios Youtubeiras+ até as 89 canles, 49 de YouTube e 40 de TikTok, amais de 41 vídeos.
A gala
Javi Sánchez presentou unha gala na que se repasou e a historia de Internet a través de homenaxes a diferentes formatos nativos da Rede. Sánchez tamén fixo xirar o espectáculo ao redor do lema desta oitava edición dos Premios Youtubeiras+, Fachenda ao cadrado. Precisamente, a fachenda pola traxectoria dos galardóns e pola grande actividade desenvolvida pola comunidade creadora de contidos en galego converteuse nun dos leitmotivs da noite.
Durante a gala tomou a palabra a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, quen sinalou que a gala representa “un recoñecemento ao noso patrimonio máis importante, a nosa lingua, e tamén á creación de contidos dixitais en galego”. Ferreiro, ademais, fixo referencia aos últimos datos do Instituto Galego de Estatística que reflicten a baixada no número de galegofalantes para asegurar que “reverter esta situación é cousa de toda a sociedade”, así como subliñar que “neste contexto proxectos como Youtubeiras+ cobran aínda máis importancia”. Pola súa banda, a deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, celebrou o “traballo” e o “compromiso” coa lingua da comunidade creadora de contidos en galego na Rede, ao tempo que puxo en valor iniciativas como o proxecto Youtubeiras que implican unha necesaria “unión, colaboración e forza común ao redor da lingua”. Agra, por último, salientou que todas as persoas participantes en Youtubeiras+ representan un camiño “de futuro” para o galego. Finalmente, a coordinadora de Youtubeiras+ resaltou que este proxecto é “froito do esforzo colectivo e que, como todo o colectivo, desenvólvese no marco das diferenzas, dunha diversidade de sensibilidades, ideoloxías e institucións que se unen ao redor dun fenómeno por si plural como é a lingua galega”.
Das entidades organizadoras, acudiron as seguintes representacións institucionais: a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Política Lingüística de Ferrol, Patricia Cons Formoso; a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude, María José Santos Zas; a concelleira de de Educación Cultura e Lingua de Rois, Victoria Quiroga; a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, Anxeles Pacoret Rodríguez; a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios da Deputación da Coruña, Cristina García Rey, e a vicerreitora Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, M.ª Cristina Naya Riveiro.
RELACIÓN GAÑADORAS POR CATEGORÍAS
CANLE DE YOUTUBE. GAÑADOR: Exécito Mekemeke (Ames)
FINALISTAS
IagoRAW (Lugo)
O Faiado Podcast (Santiago de Compostela)
CANLE DE TIKTOK. GAÑADORA : Sara Seco (Santiago de Compostela)
FINALISTAS
pradorua (Ourense)
Konachadas (Ames)
CREACIÓN DE CONTIDOS. GAÑADORA: Prado Rúa (Ourense)
Finalistas:
Rodri Míguez (Bueu)
Anxo Sánchez (Lugo)
REVELACIÓN. GAÑADOR: Galiactiva (Ourense)
Finalistas:
Arquivo Anab (Xinzo de Limia)
Carlota Casal Ramos (Melide)
CALIDADE LINGÜÍSTICA. GAÑADOR: Luís do Río (Santiago de Compostela)
FINALISTAS
A Debate no Eirado (Santiago de Compostela)
Galego para Peques (Monterroso)
REDE. GAÑADORA: Rebelico Revista (Vigo)
FINALISTAS
OU ké! (Ourense)
Pablo Rodríguez Vila (Lugo)
PREMIO DO PÚBLICO. GAÑADOR: A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego (Vigo)
Non máis bágoas, de Xurxo Varela (Chantada)
Queimas controladas, de Savia Nova (Pontevedra)