Os Premios da Crítica 2025 recoñecen as contribucións do festival de contidos dixitais Carballo Interplay (Código Cero foi finalista)

luns, 20 de outubro do 2025 S. P.

O pasado sábado a sede de Afundación de Vigo acolleu a gala de entrega da XLVII edición dos Premios da Crítica da Galicia. Na cita distinguíronse artistas e iniciativas nas modalidades de Creación Literaria, Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais, Cultura Gastronómica e Cultura Dixital. Nesta última modalidade foron recoñecidas as contribucións do festival Carballo Interplay, certame de contidos dixitais e webseries impulsado por Xosé Regueira desde a Concellaría de Promoción Económica e Turismo. Por certo que na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas 2025 foi finalista este medio de comunicación, Código Cero.
Polo que respecta ao galardón para Carballo Interplay foi decidido por un equipo específico (o xurado da modalidade de Cultura Dixital) formado por Luz Castro Pena, informática, directora de Imaxin software; Chiu Longina, antropólogo, director de Pumpún dixital; Tamara Nóvoa, xornalista, directora d’’ A Movida; Xosé Manuel Pereiro, xornalista, director da revista Luzes; Carme Prol, xornalista, directora de Café Derby 21, gañadora edición 2024; Sara Seco Rial, creadora de contido dixital e Ledicia Costas, escritora, secretaría.
Salientaron que o Carballo Interplay “é unha iniciativa pioneira no Estado que logrou consolidarse e manterse sen presentar signos de fatiga”, constituíndose como “un viveiro para a creación dixital galega e en galego, conformando en Galicia un ecosistema rico, diverso e profesional". Tamén destacaron que se trate dun proxecto dirixido por mulleres.
Tamén foi distinguido outro proxecto co-impulsado polo Concello de Carballo: o programa Apego, presente en 32 concellos de toda a xeografía galega, que logrou o galardón á mellor iniciativa cultural. Recolleuno o concelleiro Ramón Rodríguez, como presidente de Alingua, a asociación de concellos que promove Apego, entre outras iniciativas.
Apego é unha iniciativa impulsada por unha ducia de concellos galegos que se dirixe a fortalecer as canles de transmisión do galego de cara as novas xeracións, precisamente as máis necesitadas de ambientes onde se fale a nosa lingua con total normalidade. Amais do Concello de Carballo, xuntan forzas en Apego os Servizos de Normalización Lingüística dos seguintes concellos: A Baña, Santiago, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois e Vigo. A iniciativa, que está aberta e convida á participación de todo tipo de axentes políticos e sociais comprometidos coa conservación da lingua, ten espazo en liña de seu para informar do desenvolvemento do programa e permitir o acceso a materiais de apoio. Como dixemos, na categoría de mellores iniciativas culturais e científicas figurou como finalista, por segunda vez, este proxecto de comunicación centrado nas novas tecnoloxías da información dende unha óptica galega: Código Cero.