Os Samsung Galaxy S10 e S10+ poderían contar con Wi-Fi 6

martes, 5 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro día 20 celebrarase o evento no que Samsung presentará as súas novidades para os vindeiros meses, pero as filtracións resultan inevitables, e xa sabemos algúns detalles tanto dos futuros Galaxy S10 e S10+ como do novo smartwatch da compalía, o Galaxy Watch Sport.
A potenciación das cámaras traseiras e o novo sistema de orificios en pantalla para as cámaras frontais que permitirá gozar dunha frontal practicamente sen marcos farán que os novos Galaxy S10 e S10+ sexan produtos que chamen poderosamente a atención a simple vista, sorprendendo incluso a posibilidade de que Samsung decidise conservar o porto para auriculares (elemento claramente en vías de extinción, pese a resultar moi práctico, especialmente a certos perfís profesionais).
Pero un detalle que non debemos ignorar é que grazas á documentación presentada por Samsung ante a FCC sabemos que os novos móbiles contarán con Wi-Fi AX, ou sexa, Wi-Fi 6, o que propiciará a adopción desta nova tecnoloxía de comunicacións sen fíos que contará con maior velocidade, menor consumo, un uso máis eficiente das redes... ou sexa, unha mellor experiencia de uso de combinar estes novos smartphones con routers compatibles, o que hoxe igual non é moi importante pero é unha garantía de futuro (ou sexa, que os Galaxy S10 poderán ser móbiles modernos durante varios anos).
No que ao novo smartwatch de Samsung se refire, publicouse un render do Galaxy Sport, sorprendendo polo feito de que este novo deseño prescinde do dial que caracterizaba aos Galaxy Watch. Tamén comentan que tería 4 GB de RAM, NFC para pagamentos móbiles, Wi-Fi, Bluetooth, recordatorios baseados en Bixby... e probablemente tamén aposte pola monitorización cardíaca e a localización GPS. Semella probable que tamén conte con resistencia á auga, xa que estariamos ante un produto orientado á práctica deportiva.
En calquera caso, nun par de semanas sairemos de dúbidas.

All About Samsung permítenos botar unha ollada ao deseños dos futuros Galaxy S10 e S10+

PUBLICIDADE