Os Surface Book e Surface Pro 4 estrean modelos de maior capacidade

venres, 22 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que os equipos de alta gama de Microsoft teñen uns prezos bastante elevados, a súa acollida comercial parece bastante boa e, curiosamente, existe unha grande demanda das súas versións máis equipadas, o que levou a Microsoft a decidir ampliar o número de modelos do Surface Book e do Surface Pro 4, aproveitando a actualización do catálogo para incluír tamén unha versión dourada do lapis para Surface (o único destes novos produtos que xa está dispoñible en España).
Polo momento a distribución dos novos modelos de Surface Book e Surface Pro 4 limitaríase á tenda en liña norteamericana de Microsoft e a un reducido número de distribuidores, pero deste xeito xa son unha realidade os novos Surface con procesador Intel Core i7, 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento SSD, o que é unha configuración potentísima para equipos tan compactos. Iso si, o prezo destes equipos resulta bastante prohibitivo, vendéndose o Surface Pro 4 máis caro a 2.699 dólares, mentres que o Surface Book chegaría até os 3.199 dólares (de xeito que cando o equipo chegase a España podería ter un prezo de preto dos 3.500 euros).

O lapis para Surface estrea versión en cor dourado

PUBLICIDADE