Os VIII Premios de Podcast Xosé Mosquera Pérez distinguiron traballos de Bueu e Santiago

xoves, 25 de xuño do 2026 S. P.

Este mes de xuño puidemos coñecer o palmarés da edición VIII dos Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera Pérez, “O Vello dos Contos”, organizados polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) e Arraianos Producións coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, xunto a outras entidades.
Onda lectura, do CEIP da Torre-Cela, de Bueu, e Con pedra e maza a lingua fala!, do IES Antonio Fraguas, de Santiago, foron as gravacións dixitais gañadoras da oitava edición do concurso.
Algo máis de 60 foron os centros educativos de infantil e primaria e de secundaria que participaron na edición de podcast deste ano, un certame no que colabora a Secretaría Xeral da Lingua e no que o xurado destacou a” enorme calidade dos traballos presentados polos centros das catro provincias galegas”. O resultado final dos traballos contou coa intervención de máis de 200 alumnos repartidos polos diferentes centros de ensino da comunidade galega.
A listaxe dos pódcast finalistas e gañadores foron subidos á páxina web do Vello dos Contos.
Puideron concorrer a estes premios as alumnas e os alumnos dos centros de ensino de educación primaria e secundaria, incluído para adultos, e das universidades de Galicia e Portugal.
Presentáronse podcasts orixinais e inéditos relacionados coa figura de Xosé Mosquera Pérez, "O Vello dos Contos", ou cos inicios da radio en Galicia, así como outros relacionados con calquera das materias dos plans de estudos dos diferentes niveis educativos aprobados pola Xunta de Galicia.