Os Xiaomi Note 14 chegan para conquistar a gama media

venres, 10 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Xiaomi presenta hoxe a súa nova familia de móbiles de gama media Redmi Note 14, composta por cinco modelos distintos (14 Pro+ 5G, 14 Pro 5G, 14, Pro, 14 5G e 14) con prezos que partirían dos 229-479 euros e que teñen previsto chegar ás tendas a partir do 15 de xaneiro.
Estamos ante smartphones bastante competentes e con boa autonomía, que nos seus modelos ordinarios apostan por cámaras traseiras principais de 108 Mpíxeles, mentres que os modelos Pro destacan polos seus sensores estabilizados de 200 Mpíxeles.
A nivel de pantalla, todos os modelos optan por paneis AMOLED de 6,67 polgadas, que nos modelos máis básicos quedan en resolución Full HD, mentres que os modelos Pro 5G e Pro+ 5G non só se eleva a resolución a 2.712 x 1.220 píxeles, senón que tamén se pasa a un brillo máximo de 3.000 nits, polo que xa estariamos ante pantallas cun desempeño notable en exteriores.
Os procesadores escollidos para estes móbiles son claramente de gama media, apostando pola familia MediaTek Helio nos modelos 4G e polos MediaTek Dimensity nos 5G, coa excepción do 14 Pro+ 5G, que destaca ao equiparse cun Snapdragon 7s Gen 3, buscando así gañarse aos consumidores fieis aos procesadores de Qualcomm.
A batería tamén é un factor a salientar, que nos modelos 4G teñen capacidades de 5.500 mAh, mentres que as versións 5G limítanse a 5.110 mAh con carga rápida de 45 watts, agás no 14 Pro+ 5G, que conta cunha impresionante carga rápida de 120 watts.
Todos estes smartphones contan con NFC, sensor de infravermellos, altofalantes estéreo, lector de impresións dixitais en pantalla e resistencia ao po e á auga, de xeito que serían teléfonos moi completos, próximos ao que poden ofrecer os móbiles de alta gama de anos anteriores, coa excepción das súas cámaras (que só destaca polo seu sensor principal, mentres que descoidan os seus sensores secundarios e, por exemplo, carecen de teleobxectivo).
O Redmi Note 14 terá un prezo de partida de 229 euros, o Redmi Note 14 5G de 299 euros, o Redmi Note 14 Pro de 349 euros, o Note 14 Pro 5G de 399 euros e o Note 14 Pro+ 5G de 479 euros, rango de prezos que fará complicado que os consumidores elixan entre esta familia de móbiles e os novos Poco X7 e X7 Pro, fabricados tamén por Xiaomi.

A serie Redmi Note 14 está composta por 5 modelos diferentes de smartphone