Os altofalantes Google Home e Home Mini chegan a España

martes, 19 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A semana pasada demos conta de como os altofalantes de Google por fin falaban español, e aínda que inicialmente o seu funcionamento era bastante decepcionante, contando cun número reducido de funcións, durante a fin de semana o sistema experimentou unha importante actualización, de xeito que o sistema xa opera dun xeito comparable ao doutras linguas, de aí que non sorprenda que hoxe cheguen oficialmente ao mercado español os altofalantes Google Home e Google Home Mini a prezos de 149 e 59 euros respectivamente. Estes produtos non só están á venda na tenda en liña de Google, senón que tamén poden mercarse en establecementos de Carrefour, El Corte Inglés, Fnac, Media Markt, Orange España, PC Componentes e Worten, facilitando así o seu achegamento ao público.
Lembremos que o Google Home Mini é un produto compacto, pensado para a súa colocación en case calquera recanto do fogar (de aí que véndase en 3 cores diferentes: xiz, carbón e coral), para poder así acceder ás funcións do asistente de Google en mans libres e poder tamén reproducir música cun volume máis que aceptable; mentres que o Google Home é o primeiro altofalante conectado de Google, cun tamaño considerable, xa que, aínda que en prestacións é igual que o seu irmán pequeno, achega unha calidade sonora moi superior.
A interacción con este tipo de altofalantes é cada vez maior, de xeito que tanto serve para achegar información meterorolóxica como resultados de operacións matemáticas ou traducións en distintas linguas, todo mediante ordes faladas. Tamén poden aproveitarse para gozar de contidos musicais de servizos como Google Play Music, reproducir contidos dende aplicacións compatibles con Chromecast e incluso achegar novas de medios como El País, Cadena SER, COPE, esRadio...
Esta tecnoloxía tamén pode aproveitarse para lanzar contido nun Chromecast conectado a un televisor ou para controlar dispositivos domóticos como as lámpadas Philips Hue e, dado que a experiencia de uso adáptase ao usuario (que incluso pode consultar a súa axenda) o sistema conta con voice match, que permite configurar até 6 perfís diferentes nun único Google Home.

Vídeo promocional dos altofalantes Google Home

PUBLICIDADE