Os alumnos galegos de 1º e 2º de ESO poderán cursar unha materia sobre Identidade dixital

luns, 26 de xuño do 2017 Redacción

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de ampliar o paquete de materias de libre configuración autonómica que poderán ofertar os centros educativos o vindeiro curso. En concreto, súmanse catro novas: Identidade dixital, Consumo responsable, Valores democráticos europeos e Mobilidade escolar sostible e segura.
Todas elas, cuxo currículo concreto se pode consultarse en liña, poderán ofrecerse en primeiro e/ou segundo curso de educación secundaria obrigatoria e terán unha carga horaria dun período lectivo semanal. O obxectivo é seguir incrementando as opcións de elección dos centros docentes, dentro do seu marco de autonomía, así como do alumnado, que poderá comezar a configurar o itinerario educativo segundo os seus intereses.
As catro novas materias súmanse as xa establecidas en 2015 e 2016. O departamento educativo da Xunta de Galicia aposta por seguir ampliando a relación destas materias, que axudan aos mozos e ás mozas a reforzar as competencias clave, a adquirir coñecementos transversais, así como a potenciar a aprendizaxe en valores.

Identidade dixital

Coa materia dedicada á Identidade dixital preténdense abordar os contidos desta disciplina, entendida como o conxunto da información sobre un individuo ou organización exposta na Internet (datos persoais, imaxes, rexistros, novas, comentarios, etc.) e que conforman unha descrición deste ente no plano dixital.
Tendo en conta que vivimos nunha sociedade eminentemente dixital, faise precisa unha xestión eficiente da información persoal que o alumnado sobe á Rede. O obxectivo último pasa por dotar aos mozos e mozas das ferramentas necesarias para a xestión da súa privacidade que favorezan a súa participación en todos os ámbitos da vida futura, e en especial para a construción dunha reputación na Rede que axude a construír os proxectos de vida persoal e profesional.
A posta en marcha desta materia enmárcase no desenvolvemento da futura Estratexia galega de educación dixital 2020.

PUBLICIDADE