Os aspectos legais da revolución dixital, a debate este venres na UDC

xoves, 16 de marzo do 2017 Redacción

A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acollerá mañá a celebración dun encontro profesional destinado a afondar nos moitos puntos de contacto e interrelación entre as novas tecnoloxías dixitais e o ámbito da avogacía, a lexislación e a xustiza. O encontro, cunha ollada dirixida ao futuro da devandita interrelación, centrarase en cousas como a cuestión xurídica dos deportes dixitais (eSports), os aspectos legais no desenvolvemento e distribución de aplicacións móbiles, a liberdade de expresión nas redes sociais ou as medidas a tomar para protexer aos menores na Rede. O foro Dereito 2.0, reflexións de avogados TIC sobre tecnoloxía, robótica e intelixencia artificial, #Legalthinking, contará coa asistencia de xuristas de toda Galicia especializados en temas relacionados coas novas tecnoloxías.
O programa artellarase en dous bloques, un baixo o título de Dereito do futuro e un segundo sobre Robots e intelixencia artificial. O catedrático de Dereito Administrativo da UDC, organizador do evento, Javier Sanz Larruga, abrirá o encontro, ás 16:00 horas, xunto co avogado Víctor Salgado Seguín (@abonauta), de Pintos & Salgado. A continuación comezarán as intervencións, das que damos conta deseguido.
16:15 - Aspectos legais do desenvolvemento e distribución de Apps.
Bárbara Román (NoLegalTech, @abogadopenal)
José Manuel Sendín Rodríguez (NoLegalTech, @kuartillo)
16:40 - eSports. Retos xurídicos da nova competición
Hugo Pastoriza Costas (avogado)
17:05 - Privacidade-imaxe do menor vs Límites da patria potestade
Alicia Piña (ALIGALE Avogados, @alipinha)
17:30 - Aspectos legais de Blockchain e Smartcontract
Iago Otero Moreiras (@abogadotero)
18:30 - Recoñecemento biométrico e sinatura electrónica: quen somos e que asinamos
Xoán González Dafonte (avogado)
18:55 - 1 ano da nova LECRIM (bugs e exploits)
Luis Jurado Cano (avogado)
19:20 – A liberdade de expresión nas redes sociais
José María Lozoya (avogado)
19:45 - Cara unha regulación flexíbel e proporcionada dos drons
André Castelo Pichel (APDTIC, Avogados Dixitales, @ticandlaw)
20:10 - Os novos Dereitos Humanos ante o avance da intelixencia artificial
Víctor Salgado Seguín (Pintos & Salgado, @abonauta)
20:35 – Responsabilidade e ‘robética’: será, algún día, a máquina responsábel dos seus actos?
Miguel Vieito Villar (investigador en Dereito e asesor legal, @MiguelVieito)

PUBLICIDADE