Os aspectos legais, sociais e económicos da Bitcoin, polo miúdo este xoves na ETSE de Santiago

mércores, 29 de outubro do 2014 Redacción

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago vai acoller este xoves unha xornada sobre as potencialidades e implicacións da moeda virtual Bitcoin. A cita, que comezará ás 12.00 horas no salón de actos da escola, xirará arredor das vertentes éticas, económicas, sociais e legais deste tipo de moeda. Asemade, na sesión falarase dos fundamentos criptográficos nos que se basea a Bitcoin e das distintas motivacións que levaron á creación desta moeda virtual, unha tecnoloxía-valor de cambio que se caracteriza entre outras cousas “por ser descentralizada e por permitir realizar transaccións económicas dun xeito anónimo”, sinala a USC.
O relatorio correrá a cargo do profesor do Laboratorio de Bioenxeñaría da Universidade San Pablo CEU, Abraham Otero Quintana.
Bitcoin, explica a organización da xornada, é “unha moeda que como calquera outra pode usarse para comprar unha camiseta, un disco duro para o ordenador ou un café nos establecementos que a acepten”. Asemade pode tamén intercambiarse en mercados de divisas por outras moedas como dólares ou euros. “Porén”, sinala a organización, “aquí rematan as semellanzas, porque Bitcoin é unha moeda virtual sen ningún tipo de representación física, que garante o anonimato das transaccións e só apoiada por unha rede P2P de usuarios en Internet”.

PUBLICIDADE