Os auriculares Pixel Buds chegan por fin ao mercado

luns, 27 de abril do 2020 Marcus Fernández

Durante a presentación do Pixel 4 deuse contan dun interesante accesorio, os auriculares Google Pixel Buds, á vez que advertíase que non chegarían ao mercado até primavera de 2020, e semella que este lanzamento será inminente, xa que a súa aplicación oficial xa está dispoñible na tenda de aplicacións de Google Play e o produto xa aparece listado nalgunhas tendas en liña.
Estes novos auriculares sen fíos prometen unha grande calidade de son, chamadas moi nítidas e un uso do Asistente de Google moi cómodo (poderase invocar ao asistente mediante unha orde oral). Tamén serán compatibles coa tradución en tempo real de Google, son resistente á auga e á suor, a súa batería permite até 5 horas de uso que pode ampliarse até 24 horas grazas ao seu estoxo de carga e o seu prezo nos EE.UU. será de 179 dólares, descoñecéndose o prezo que terá en Europa, aínda que sendo bastante previsible que chegue en unidades bastante limitadas.

Os novos auriculares sen fíos de Google buscan ser un complemento de uso diario que faciliten o uso do Asistente de Google e conten con funcións como a tradución en tempo real

ACTUALIZACIÓN: A poucas horas da publicación deste texto realizouse o lanzamento dos novos Pixel Buds no mercado estadounidense, á vez que publicáronse as primeiras análises do produto, confirmando que son auriculares cunha boa calidade sonora, pero sendo o Asistente de Google o seu grande punto forte (especialmente na funcionalidade de tradución en tempo real, que aseguran que mellorou moi en velocidade fronte aos anteriores auriculares de Google).
Tamén é unánime comentar que se para o iPhone os auriculares máis recomendables son os AirPods, para os móbiles Pixel estes novos auriculares tamén serían os máis atinados.

PUBLICIDADE