Os auriculares Sony WH-1000XM4 custarán 380 euros

venres, 7 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Durante os últimos dous anos existe unanimidade ao designar como referente na cancelación de ruído activa aos auriculares Sony WH-1000XM3, de aí que a súa actualización fose inevitable, e os auriculares Sony WH-1000XM4 xa son un produto oficial que saen á venda a un prezo de 380 euros (prezo ao que saíra á venda o modelo anterior, que agora pode ser unha compra moi recomendable por poder atoparse a pouco máis de 200 euros).
Estes novos auriculares sen fíos ofrecen o mellor rendemento de cancelación de ruído de Sony, para o que contan cun par de micrófonos en cada auricular que captan o son ambiental para neutralizalo, axustándose a música que queremos escoitar ao ruído máis de 700 veces por segundo, conseguindo así illar ao usuario do caos do mundo exterior.
Os auriculares contan con Adaptive Sound, tecnoloxía que detecta de xeito intelixente onde nos atopamos e o que estamos a facer, adaptándose aos distintos contornos (lugar de traballo, cafetería, ximnasio...) podendo realizarse a configuración das localizacións visitadas con maior frecuencia na aplicación móbil dos auriculares (de xeito que a configuración do son ambiental actualizarase de xeito automático ao mudar de lugar).
Unha das novidades dos auriculares WH-1000XM4 é a función Speak-to-Chat, que permite ter conversas de curta duración sen quitar os auriculares, de xeito que cando teñamos algo que dicir (por exemplo, pedir un café) os auriculares recoñecerán a nosa voz e deterán automaticamente a música e deixarán entrar o son de ambiente para poder manter unha conversa sen quitar os auriculares, retomándose a reprodución musical 30 segundos despois de rematar de falar. Colocando a man dereita sobre o auricular tamén podemos activar o modo Quick Attention para reducir o volume ao instante e poder deixar entrar o son ambiental e así poder escoitar algo puntual.
Tamén resulta moi práctico o feito de poder enlazar os auriculares a 2 dispositivos Bluetooth ao mesmo tempo, facilitando o cambio entre os dispositivos cun simple toque. Son compatibles coa función Fast Pair de Google e tamén facilitan a utilización de asistentes de voz como Alexa ou o Asistente de Google.
Os WH-1000XM4 teñen unha autonomía de até 30 horas, aínda que a súa carga rápida tamén permite que con só 10 minutos de carga poidamos reproducir música até 5 horas.

JPEG - 120 KB
Cun simple xesto podemos escoitar o noso contorno sen ter que quitar os auriculares

Vídeo promocional dos novos auriculares de Sony

PUBLICIDADE