Os avances no emprego en Galicia co uso da IA postos en valor en Bruxelas
xoves, 16 de novembro do 2023
A conselleira de
Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, rematou hoxe a súa viaxe a
Bruxelas coa súa intervención na mesa sobre dixitalización e o futuro do
traballo no marco do European Employment & Social Rights Forum 2023,
no que estivo acompañada pola ministra de Transformación Dixital e viceministra
para a integración na UE de Ucraína, Valeriya Ionan. Neste foro presentou
a nova ferramenta baseada na intelixencia artificial, EMi, que a Xunta está a
implantar con éxito na súa rede de oficinas de emprego, co reto de casar
oferta con demanda para dar resposta ás necesidades do mercado de traballo.
A ferramenta na
súa versión actual permite realizar perfís, recomendar ocupacións alternativas,
buscar formacións axeitadas e avaliar o estado do mercado de traballo por áreas
xeográficas a distintos niveis; e nun futuro agárdase que esta ferramenta poida
ter a capacidade de asumir as ofertas laborais publicadas en distintos portais
webs, avaliar a oferta laboral para detectar ocupacións e competencias
emerxentes e a capacidade de apoiar o deseño das políticas de emprego en base á
predición do comportamento futuro do mercado de traballo. Emprego Intelixente (EMi),
en palabras de Rivo, permite coñecer o que a persoa sabe facer e ver o seu
encaixe no mercado laboral.
A conselleira
indicou que na Xunta se traballa no deseño de programas dirixidos á formación e
recualificación das persoas traballadoras para que poidan estar mellor
preparadas para desenvolver os empregos do futuro; e insistiu na necesidade de
ser capaces de aproveitar as oportunidades que brinda a nova era dixital. “A
tecnoloxía ten que ser a nosa aliada”, apuntou.
Na súa
intervención no foro, Rivo destacou, ademais, que a Xunta está centrada no
deseño de políticas en todos os ámbitos, non só no emprego, para apoiar á
cidadanía a enfrontar a nova era tecnolóxica.
Así, puxo en
valor a formación en habilidades dixitais coa execución de programas que
promoven a alfabetización e a capacidade dixital en todas as idades; o
investimento en formación e na reciclaxe profesional dos traballadores porque
as empresas están demandando novos perfís profesionais adaptados á nova era
dixital; a aposta polas novas tecnoloxías para manter e mellorar a calidade de
vida das persoas maiores e a planificación urbana e do rural, xestionándoa dun
xeito máis sustentable; e o uso tamén das ferramentas dixitais no ámbito social
para desenvolver solucións inclusivas e responsables.
Os polos, un modelo para a UE
Na xornada de
hoxe, a conselleira mantivo, ademais, un encontro co comisario de Emprego,
Nicolas Schmit, que hai unhas semanas estivo en Galicia visitando o Polo de
emprendemento e apoio ao emprego de Silleda; e previamente coa directora de
Estratexia e Análise Económica da Dirección Xeral de Mercado Interior,
Industria, Emprendemento e PEME da Comisión Europea, Outi Slotboom, para falar
das iniciativas de emprendemento en Galicia. Neste senso, destaca a Rede de
polos de emprendemento que a Administración autonómica está a despregar por
toda Galicia, un proxecto polo que se mostrou moi interesada a representante da
Comisión Europea, salientando que é un exemplo para replicar na Unión Europea.
Rivo, ademais,
expuxo a idea da Xunta de dar cabida na comunidade a nómades dixitais ou
profesionais en remoto a través de espazos co-living, que engaden aos servizos
de coworking a posibilidade de residir no espazo de xeito temporal. O obxectivo
desta iniciativa é seguir dinamizando o rural galego, xerando actividade
económica dun modo sustentable.