Os avatares de Rock Band 2 poderanse imprimir en 3D

martes, 26 de agosto do 2008 Marcus Fernández

En setembro sairá nos EE.UU. á venda o agardado Rock Band 2 de Harmonix, xogo que nun principio parece que non incorporaría máis novidades que un repertorio de temas musicais actualizado, pero agora sabemos dunha nova funcionalidade da que non coñecemos precedente, que é a posibilidade de adquirir por uns 75 dólares unha figura co avatar personalizado creado polo usuario para o xogo.
No xogo podemos elixir entre varios tipos de corpos, caras, roupa, maquillaxes, peiteados, tatuaxes… creando así os nosos propios grupos musicais (que incluso poden ter un logotipo característico para imprimilo en camisetas virtuais) e que grazas á tecnoloxía de impresión tridimensional de Z Corporation se pode achegar en forma de figura.


Vídeo de demostración da impresora 3D de ZPrinter 450

Para crear as figuras se emprega a impresora ZPrinter 450, e neste momento están a esforzarse para conseguir unha capacidade de produción que permite atender os pedidos realizados dende o xogo nun tempo prudencial (queren reducir o tempo de entrega a menos dun mes) e todo apunta a que este servizo vai ter moito éxito, abrindo a porta a toda unha serie de produtos cun grande atractivo comercial. O mundo musical será o primeiro en recibir de xeito masivo esta tecnoloxía, pero máis adiante se podería aplicar a outro tipo de figuras personalizadas baseadas noutros videoxogos (coma World of Warcraft), series de televisión (pensemos nas versións simpsonizadas dos usuarios) ou mesmo no mundo real, de xeito que ter bonecos de case calquera cousa será unha realidade.

PUBLICIDADE