Os blogs chegan á Universidade como ferramenta de ensino-aprendizaxe
mércores, 17 de febreiro do 2010
Un grupo de docentes da Universidade Rey
Juan Carlos veñen de atoparlle a utilidade
que merecen as novas tecnoloxías aplicadas
ao ensino, e acaban de adoptar o blog como método habitual na súa docencia,
unha ferramenta en liña que lle engade creatividade e orixinalidade aos días
lectivos dos universitarios.
A novidade deste proxecto, no que a
entidade académica é pioneira, radica en que non só lle permite aos estudantes
facer entradas nunha determinada web, senón que os profesores e profesoras
poden ter en conta, á hora de poñer a nota, as puntuacións que os compañeiros
de clase se deron entre sí.
Uns 350 estudantes de media ducia de
asignaturas xa levan catro anos participando nesta experiencia, que puxo en
funcionamento o Departamento de Sistemas Telemáticos e Computación, para levalo
a cabo en asignaturas de carácter non técnico.
O sistema, segundo explican os seus
responsables, é moi doado: os estudantes dunha determinada asignatura teñen que
crear un blog e sindicarse a un planeta,
unha web na que as entradas que fan os estudantes nas súas propia bitácoras se
van agregando por orde cronolóxico inverso, como se formasen parte dun único
blog.
Pese a que os blogs xa se empregan de
maneira moi frecuente noutras universidades, o que fai diferente a esta
iniciativa é que lle permite aos estudantes puntuar e valorar as aportacións
dos seus compañeiros nun único planeta,
repartindo os puntos dos que dispoñen (que teñen un límite) entre as entradas
que consideren mellores.
A principal vantaxe desta ferramenta
radica en que os estudantes vense na obriga de crear os seus propios contidos e
non ser meros consumidores do que lles colgan
os seus profesores e isto permite que se impliquen máis no proceso de ensino-aprendizaxe.
Outra das vantaxes que sinala o profesor
Gregorio Robles, un dos precursores da iniciativa, é que “como os alumnos son libres tamén para comentar dende un punto de vista
persoal aspectos da asignatura, ao final consegues crear lazos entre eles
baseados na materia e que se coñezan pese a estar en campus distintos”.
O departamento de Sistemas Telemáticos e
Computación é moi activo no uso das novas tecnoloxías na metodoloxía docente.
Case todas as materias que imparte en diferentes graos e masters
están en Internet en aberto, o que supón que calquera pode descargarse os
contidos (PDFs, vídeos, etc). Ademais do material do
profesor, pódese consultar toda a actividade da clase en foros e chats.