Os bonos Activa Comercio chegan acompañados por un sorteo en redes sociais

mércores, 27 de maio do 2026 Redacción

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá en Santiago de Compostela a xoiaría Ardentia coincidindo coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da primeira edición de 2026 dos bonos Activa Comercio. A convocatoria, cun orzamento de 2,5 millóns de euros, permitirá descargar os bonos desde mañá e prevé mobilizar preto de 8,5 millóns de euros en vendas en toda Galicia.
Durante a visita, José González puxo en valor a consolidación desta iniciativa como unha ferramenta clave para apoiar o comercio de proximidade e estimular o consumo local, dentro das medidas recollidas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Tamén lembrou que, desde a súa creación en 2021, a campaña xa contribuíu a mobilizar máis de 122 millóns de euros en vendas no conxunto da comunidade.
O titular de Emprego explicou que a adhesión dos establecementos aos bonos, aberta desde o pasado 27 de marzo, supera xa os 4.700 negocios, preto de 1.800 deles na provincia da Coruña. Ademais, destacou que o proceso de adhesión se realiza nun único trámite para todas as edicións do ano, co obxectivo de avanzar na simplificación administrativa.
A campaña deste ano incorpora tamén un sorteo complementario a través das contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram, dirixido ás persoas usuarias dos bonos Activa Comercio que realicen compras dentro do programa, coa finalidade de reforzar a visibilidade do comercio local. O sorteo repartirá catro bonos adicionais de 250 euros cada un en formato dixital mediante código QR, que poderán empregarse nos establecementos adheridos durante un prazo dunha semana. Para participar será necesario efectuar unha compra cun bono nun comercio adherido e interactuar coas publicacións oficiais da campaña nas redes sociais, segundo as condicións recollidas na convocatoria publicada hoxe no DOG.
Os bonos estarán dispoñibles para a cidadanía desde mañá ás 9.00 horas na páxina web da inicitiva. O importe do desconto reducirase en función do valor da compra: nas compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros aplicarase unha rebaixa de 5 euros; nas iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros, o desconto será de 10 euros; e a partir desa contía alcanzarase unha redución de 15 euros.
Como nas edicións anteriores, cada persoa poderá descargar un único bono nesta primeira convocatoria. Non haberá límite de usuarios, aínda que unha vez esgotado o crédito global de 2,5 millóns de euros os bonos descargados deixarán de ser válidos, mesmo se non se consumiron na súa totalidade. Co obxectivo de favorecer o incremento das vendas, os bonos Activa Comercio serán incompatibles con calquera outra axuda destinada á mesma actuación subvencionable dentro dunha mesma compra.