Os cambios da revolución dixital nos estudos humanísticos, a debate na USC

martes, 10 de outubro do 2017 Redacción

A Facultade de Filoloxía de Santiago (USC) acolle estes días, até este mércores 11, unha xuntanza destinada a alentar o debate arredor dos estudos do medievalismo e os novos recursos dixitais de coñecemento, información e comunicación. O congreso internacional Humanidades Dixitais: olladas cara á Idade Media vén da man da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares e foi concibido, en palabras da Rede, “como un espazo aberto a propostas de carácter transversal e multidisciplinar”. Tocaranse e avaliaranse metodoloxías, aplicacións prácticas de ferramentas tecnolóxicas (por exemplo os recursos relacionados coa xeoposición) e estudos concretos sobre “os cambios que a revolución dixital está a supoñer nos estudos humanísticos”.
A decana do centro, María José López Couso, presidiu a sesión inaugural no salón de graos da Facultade de Filoloxía. O encontro estenderase como dixemos até o mércores 11 e contará con varias conferencias plenarias a cargo de figuras destacadas nestas disciplinas e que proceden de distintas institucións europeas: Universidade Complutense de Madrid (José Manuel Lucía Megías), Universidade de Salamanca (Mª Nieves Sánchez González de Herrero e Leyre Martín Aizpuru), Centre Tecnològic de Catalunya (Ana Requejo), Agència Catalana del Patrimoni Cultural de la Generalitat de Catalunya (Albert Sierra), Laboratorio de Innovación en Humanidades Digitales (LINHD-UNED) e Politécnico do Porto (Mariana Curado Malta) e da Austrian Academy of Sciences (Mihailo Popovic).
Acompañando as conferencias preto de trinta investigadores dos ámbitos estatal e internacional presentarán os seus traballos en máis de vinte comunicacións, artellados en nove sesións de distinta temática: a edición dixital, as exploracións do espazo, a arte e a iconografía ou os recursos dixitais son algúns dos eixos centrais. Ademais disto, a organización tamén informou de que se está a reservar un espazo de interacción directa para presentar seis proxectos co nexo común de pór en práctica distintas ferramentas das humanidades dixitais. As persoas interesadas poden acadar máis información na web www.usc.es/estmedin/hd/.

PUBLICIDADE