Os campus da UVigo celebran cun amplo programa o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

mércores, 4 de febreiro do 2026 S. P.

No mes de febreiro, máis en concreto o día 11, celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, festexo que nace coa vontade de pór en valor o papel das científicas e de fomentar as vocacións STEM entre as nenas. Dende a Universidade de Vigo conmemórase ao longo de todo o mes de febreiro o dito 11F cun amplo programa de actividades nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. Amais dos obradoiros ElasFanCienTec en Vigo e a feira eXXperimenta en Feminino en Ourense, a UVigo impulsará obradoiros, feiras, charlas, proxeccións, concursos e encontros coa comunidade educativa e coa cidadanía co obxectivo de visibilizar o traballo das mulleres na ciencia e a tecnoloxía, crear referentes femininos e rachar cos estereotipos que condicionan a elección de estudos.
Detrás deste traballo atopamos ás propias docentes e investigadoras, aos centros de investigación, ás escolas e ás facultades dos tres campus, co apoio da Unidade de Igualdade e da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología- Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Indo ao programa, sinalar que comeza hoxe, 4 de febreiro, no campus de Pontevedra, onde a Facultade de Comunicación e a Escola de Enxeñaría Forestal abren as súas portas ao alumnado de 4º da ESO do IES Xunqueira I, que participará en obradoiros prácticos nos que se porá en valor o papel das investigadoras e docentes, contribuíndo a reverter a segregación por estereotipos de xénero nos estudos universitarios. O 6 de febreiro será a quenda da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, que recibirá o alumnado de 4º da ESO do IES 12 de Outubro para desenvolver actividades sobre tecnoloxía educativa e igualdade, creación dun pódcast sobre representación feminina na ficción audiovisual e experimentación no laboratorio de didáctica das ciencias naturais.
Asemade, tamén haberá tempo para un ciclo de charlas que sesenta investigadoras da UVigo impartirán ao longo do mes, centradas tanto no seu labor investigador coma no papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas actividades desenvolveranse en centros educativos, residencias de persoas maiores, aulas hospitalarias, bibliotecas e outros espazos sociais.
Indo ao día grande, o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia terá lugar a 10ª edición de ElasFanCienTec, cunha novidade: por primeira vez visitará o alumnado masculino as facultades máis feminizadas, ao tempo que as rapazas continúan achegándose a eidos tradicionalmente masculinizados. Máis de 200 rapazas e rapaces de catro centros educativos da provincia de Pontevedra (IES Coruxo, IES Politécnico de Vigo, IES do Castro e IES Álvaro Cunqueiro) visitarán laboratorios e escolas do campus de Vigo para participar en obradoiros científicos organizados polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), as escolas de Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación e as facultades de Filoloxía e Tradución e Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Ese mesmo día 11F, o alumnado asistirá a un obradoiro organizado pola Unidade de Igualdade; poderá coñecer a exposición Mulleres investigadoras Cintecx e participará nunha actividade vinculada ao desenvolvemento do xogo de escapada científico Alerta Verde, que se está a desenvolver coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Engadir que durante todo o mes poderá visitarse a exposición Mulleres investigadoras Cintecx, unha mostra accesible en liña, que presenta doce científicas do centro.
Un tema moi importante nesta celebración é a perspectiva de xénero nas tecnoloxías emerxentes, protagonista doutras actividades do 11F, como a mesa redonda que organizará o centro Ecobas sobre Intelixencia Artificial e igualdade na Facultade de Ciencias Económicas o día 11 de febreiro ás 12h e que poderá seguirse na canle de YouTube de Ecobas. O mesmo día, entre as 16 e as 21h, o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero (IXEX) organizará a proxección da película Justicia artificial na facultade de Ciencias Xurídicas do campus de Vigo e na de Dereito do campus de Ourense, dentro do ciclo Cine e Xustiza 2026.
O 12 de febreiro no campus de Vigo levarase a cabo a metacharla Innovación en igualdade, impulsada pola UCC+i, na sala 1 do Edificio Miralles ás 11h. O relatorio, que poderá seguirse de forma presencial ou online a través de UVigo TV, será moderado pola técnica da Unidade de Igualdade da UVigo Mar Fernández Cendón, nel participarán as investigadoras da UVigo: Soledad Torres, Katia Rolán e Laura Sampedro. O encontro contará tamén coa introdución da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e coa participación en liña da divulgadora Marta Macho.
Tamén o 11 de febreiro, ás 12h, o Centro de Investigación Mariña (CIM) celebrará a entrega dos premios da cuarta edición do concurso Marie Tharp, dirixido ás súas investigadoras predoutorais e posdoutorais. O acto incluirá unha mesa redonda moderada pola xornalista do Faro de Vigo Sandra Penelas sobre os retos e oportunidades das mulleres na ciencia mariña e a proxección das pezas audiovisuais premiadas.
A gran feira divulgativa eXXperimenta en Feminino desenvolverase o 20 de febreiro, de 9 a 18h no edificio Politécnico do campus de Ourense. Aberta ao alumnado non universitario da provincia na quenda de mañá e ao público xeral na de tarde, a xornada achegará múltiples postos experimentais sobre química, biotecnoloxía, programación, aeronáutica ou saúde, co obxectivo de achegar as disciplinas STEM á sociedade. Amais disto, a divulgadora científica Deborah García Bello impartirá unha charla titulada Barbies e Robots, de acceso libre deica completar aforo.
Por último, no campus de Ourense, organizouse unha nova edición do Concurso escolar de creación artística polo 11F, dirixido a alumnado de primaria e secundaria obrigatoria da provincia. O prazo de presentación de traballos pechouse o pasado 25 de xaneiro e a entrega de premios será ao longo deste mes de febreiro nun acto especial, en data aínda por determinar.