Os carteis do Concurso-Exposición das Letras Galegas, no Portal da Lingua
martes, 28 de abril do 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou este martes 28 de abril, no Instituto Castelao (Vigo), o alumnado que resultou premiado no Concurso-Exposición Letras Galegas 2026, no que colabora a Secretaría Xeral coa intención, destacou, “de implicar as xeracións máis novas neste tipo de efemérides que celebran a nosa cultura e incentivan a capacidade investigadora e creadora dos escolares”.
García lembrou que esta iniciativa “convida cada ano a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa na que viviu a persoa homenaxeada”, destacando “a calidade dos traballos presentados e a cooperación entre a comunidade educativa”.
O secretario xeral felicitou ao Instituto vigués pola proposta De Circe a Morgana, coa que “os participantes plasmaron de maneira transversal” a vida e a época de Begoña Caamaño cunha técnica “moderna e orixinal”. A súa foi a exposición gañadora na categoría B do concurso, destinada a Educación Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial, mentres que na categoría destinada a centros de Educación Infantil e Primaria o premio foi para o colexio de Ribadavia, en Ourense.
García lembrou que a colección de dez carteis que integra cada exposición e a súa correspondente guía didáctica está a ser distribuída en centros educativos de Galicia e do exterior, ademais de bibliotecas e outros espazos culturais. Tamén está dispoñible no Portal da Lingua para a súa descarga libre e gratuíta, xunto con outros materiais como marcapáxinas.
Ademais, cada un dos centros gañadores recibe un premio de 2.000€, mentres que o profesorado implicado no deseño e elaboración dos traballos obtén unha certificación de primeiro premio de Innovación Educativa equivalente a 20 horas de formación.
