Os cascos de realidade mixta chegan a España

venres, 17 de novembro do 2017 Marcus Fernández

A Realidade Mixta de Windows fíxose unha realidade hai exactamente un mes coa actualización de outono de Windows 10, que foi cando os primeiros cascos con esta tecnoloxía chegaron ao mercado, pero resistíanse á súa comercialización en España, probablemente por prudencia dos distribuidores, que vían que carecían de contidos atractivos até esta semana, cando boa parte do contidos de realidade virtual de Steam que até o momento funcionaban con HTC Vive e Oculus Rift pasan a ser compatibles coa Windows Mixed Reality, e como consecuencia xa temos un par de cascos dispoñibles.
Por unha banda temos o que posiblemente se considere como o produto de entrada, o dispositivo Lenovo Explorer, que pode mercarse xa por 449 euros e que, como a meirande parte dos cascos de realidade mixta, funciona cun par de pantallas integradas que suman unha resolución de 2.880 x 1.440 píxeles cunha velocidade de refresco de 90 Hz e un campo de visión de 110 graos, que conta con cámaras de seguimento de movemento no seu exterior para evitar a instalación de molestos sensores na habitación na que vaia a empregarse o trebello, reducindo considerablemente a complexidade da súa instalación, xa que precisa simplemente dun cable en Y no que vai a conexión de vídeo e un porto USB 3.0.
A outra opción dispoñible sería o Visor de Dell con mandos por 508,39 euros, que tecnicamente é case igual que o casco anterior, pero diferenciándose principalmente por ter un acabado en cor branca e unha construción de maior calidade.
En calquera caso cómpre lembrar que a vindeira semana celébrase o Black Friday, de xeito que é posible que algún destes cascos experimente rebaixas, e no caso do Visor de Dell tamén é moi probable que o accesorio poida conseguirse a un prezo máis atractivo de mercado a xeito de complemento dun novo equipo do fabricante.

PUBLICIDADE