Os centros comerciais abertos dispoñen de 2,25 millóns para avanzar en transformación tecnolóxica
xoves, 13 de xuño do 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, debullou este 13 de xuño no Parlamento a folla de ruta da Xunta para fortalecer a actividade dos centros comerciais abertos das nosas vilas e cidades, co obxectivo de facelos máis competitivos, identificábeis, innovadores e atractivos. O proceso baséase en boa medida nun novo impulso á transformación tecnolóxica. Por exemplo cos 2,25 millóns de euros acabados de mobilizar para a innovación e dinamización dos centros.
Explicou que o labor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración centrarase en “impulsar Centros Comercias Abertos que estean perfectamente definidos, sexan identificábeis e específicos dentro dos espazos urbanos, e sobre os que actúe unha única asociación de comerciantes”. Incidiu que sobre este eixo xirará a nova estratexia de comercio sobre a que está a traballar a Xunta de Galicia: “Estamos a traballar nun novo concepto para dinamizar dun xeito integral estes espazos contando con todos os axentes do territorio”, afirmou Alén, indicando, ademais, que a Axencia Turismo de Galicia xogará un papel importante porque estas áreas pretenden ser un recurso turístico máis para as vilas e cidades.
O director xeral lembrou que a Xunta xa destinou en 2023 un total de 2,25 millóns de euros para apoiar 51 centros comerciais abertos de cidades e vilas de Galicia e recordou que o pasado mes de maio convocouse a orde de axudas deste ano, dotada con outros 2,25 millóns de euros para a innovación e dinamización destes centros. “Son apoios que ademais de financiar custes do xerente e gastos de actividades tamén van dirixidos a mellorar a fidelización e a dixitalización con medidas como bonificacións para aparcar a través dos tíckets de compra o través da creación e mantemento de mercados en liña, páxinas web ou mupis e sinalización dixital, entre outros”.
Con esta iniciativa, Alén apuntou que o que se busca é crear un entorno de confianza e de interese para os consumidores. Estes apoios poden solicitarse ata o vindeiro 24 de xuño.
Remuda e Mercados Excelentes
Sobre a remuda, Alén sinalou que é “sen dúbida un dos grandes retos no sector comercial e recordou”, ao respecto, “o Bono Remuda que acaba de lanzar o Goberno galego cun orzamento de 1,5 millóns de euros para fomentar o traspaso de negocios e garantir a súa permanencia no seo do tecido produtivo galego”. A orde, cuxo prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 30 de outubro, enmárcase no Plan de remuda que está a funcionar ao abeiro da Rede de polos de emprendemento que ten 13 centros activos. O obxectivo é “evitar o peche de negocios por falta de remuda, ao tempo que se facilita que as persoas interesadas en emprender poidan recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente”.
O director xeral de Comercio e consumo fixo tamén fincapé en medidas de formación para mellorar a capacitación dos comerciantes cara á dixitalización, modernización e innovación e na comisión parlmentaria referiuse “á importancia que está a dar o Goberno galego aos mercados excelentes para que conserven a súa tradición con mellores estéticas, funcionais, de accesibilidade e ofrezan e dean a coñecer a calidade dos produtos agroalimentarios de Galicia”.