Os centros de investigación da USC abren as súas portas na 8ª edición de Ciencia Singular
mércores, 13 de novembro do 2024
- Unha actividade de divulgación levada a cabo no CiTIUS, Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes
A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela abrirá as súas portas á cidadanía o sábado 23 de novembro, co gallo da oitava edición de Ciencia Singular. A cita conta con algunhas novidades nesta nova edición, entre elas, a incorporación do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais), que se sumou este ano a CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE como membro da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da investigación destes centros.
Desde as 10.00 da mañá e ata as 20.00 horas, persoas de todas as idades percorrerán as instalacións do CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS para coñecer, da man do persoal investigador, o labor científico punteiro que se desenvolve neles día a día. Para participar nas actividades é preciso un rexistro previo, que pode formalizarse na páxina web de Ciencia Singular da USC desde o vindeiro martes 19 de novembro ás 16.00 horas, sitio onde están dispoñíbeis os programas e horarios da xornada.
O programa inclúe charlas divulgativas, visitas guiadas, obradoiros e experimentos, centos de visitantes poderán descubrir a investigación en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular, a física ou as ciencias ambientais. Con este programa, Ciencia Singular “procura fomentar vocacións científicas desde idades temperás e trasladar á sociedade a relevancia do traballo que se desenvolve nestes centros durante todo o ano”.
Solidariedade coas persoas afectadas pola DINA en Valencia
Diante da emerxencia xerada pola devastadora DINA que afectou a diversas localidades de Valencia, os centros singulares da USC acordaron sumarse á campaña de doazóns impulsada pola Cruz Vermella. As persoas que desexen achegar as súas doazóns poderán facelo na páxina web de Ciencia Singular, no formulario de rexistro e no propio día da actividade, nos cinco centros participantes na xornada de portas abertas.