Os centros de investigación das nosas universidades visitan aos seus homólogos cataláns

mércores, 3 de novembro do 2021 S. P.

A Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG) vén de realizar unha visita a Cataluña, organizada pola Fundación Universidade-Empresa Galega (FEUGA), a través da cal mantivéronse sesións de traballo cos integrantes do sistema de investigación catalán. Esta actividade enmárcase no plan de traballo da Rede de Centros de Investigación do SUG, iniciativa impulsada pola Xunta, en colaboración con FEUGA, para “potenciar a excelencia do sistema de investigación galego e impulsar o seu posicionamento a nivel nacional e internacional”.
A delegación galega estivo encabezada polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro e contou coa participación dos vicerreitores de investigación das tres universidades galegas (Salvador Naya Fernández da UDC, Vicente Pérez Muñuzuri da USC e Belén Rubio Armesto da UVigo), o director de FEUGA, Javier Pereiro, e directores, subdirectores e xestores principais das entidades que integran a Rede de Centros de Investigación do SUG.
Estas entidades, CITIC, CIMUS, CIQUS, CITIUS, CIM, CINBIO e AtlantTIC, puideron compartir experiencias e coñecer a xestión organizativa e científica de cinco centros que representan modelos diferentes de éxito no sistema de investigación catalán: IDIBAPS, I2CAT, ICFO, CED e ICTA. As sesións contribuíron a ampliar a relación de contactos dos centros e a situar á Rede de Centros de Investigación do SUG no panorama nacional.
A Rede de Centros de Investigación do SUG está integrada polos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia acreditados como tales pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade: CITIC (UDC); CIMUS, CIQUS, CITIUS, IGFAE (USC); e CIM, CINBIO e AtlantTIC (UVigo). Está concibida como un foro de reflexión, expresión e intercambio de ideas entre estes centros universitarios e a Secretaría Xeral de Universidades, e constitúe unha ferramenta fundamental para potenciar o fortalecemento e a excelencia do sistema.

PUBLICIDADE