Os centros de saúde de Ourense recuperan a súa actividade grazas ás telecomunicacións

martes, 19 de agosto do 2025 Redacción

A Xunta de Galicia despregou un operativo sen precedentes para restablecer as comunicacións sanitarias na provincia de Ourense, gravemente afectadas polos incendios forestais. O plan incluíu a instalación de 14 antenas de conexión satelital e o tendido de ata 80 quilómetros de fibra óptica, medidas que permitirán recuperar desde mañá a plena normalidade asistencial en todos os centros de saúde.
Os lumes provocaron a destrución de infraestruturas clave, como tramos de fibra óptica e centrais de 5G, o que deixou sen servizo de datos e telefonía a numerosos concellos. Para facer fronte a esta situación, un equipo coordinado pola Xunta e integrado por 57 técnicos de Telefónica traballou a contra o reloxo na reconstrución das liñas, nunha contorna marcada pola caída de árbores, postes queimados e terreos inestables.
Entre as actuacións máis relevantes destaca a instalación de antenas Starlink nos hospitais públicos de Valdeorras e Verín, así como nos centros de saúde de Trives, Viana do Bolo, A Rúa, O Barco, Vilardevós, A Mezquita, Ribadavia, A Veiga, Laza, Larouco e Manzaneda. Estes equipos aseguran conexión a Internet de alta velocidade con baixa latencia, mesmo en zonas illadas ou con infraestruturas destruídas.
A despregadura completouse con catro unidades móbiles para reforzar a cobertura de redes telefónicas e outros catro grupos electróxenos móbiles, que garantiron o abastecemento eléctrico das centrais e evitaron cortes no servizo. Ademais, reforzáronse as liñas móbiles e de respaldo para manter operativas as comunicacións en todo momento.
A Xunta subliñou que estas medidas foron determinantes para manter a continuidade asistencial nos hospitais comarcais e nos centros de saúde das cabeceiras, onde se reorganizou a atención médica para garantir o acceso á historia clínica electrónica, á receita e ao resto de aplicacións do Sergas. Así mesmo, enviáronse máis de 35.000 mensaxes de texto aos veciños dos concellos afectados para informar dos cambios organizativos e evitar desprazamentos innecesarios.
A Consellería de Sanidade recoñeceu expresamente o traballo dos técnicos de comunicacións, mantemento e loxística do Sergas, así como a colaboración das operadoras, protección civil e forzas de seguridade, que fixeron posible restablecer as telecomunicacións en condicións extremas e asegurar a asistencia sanitaria a toda a poboación.