Os centros educativos de toda Galicia xa poden reservar praza na Aula Newton

luns, 13 de xaneiro do 2025 S. P.

A Aula Newton Galicia, a primeira que se instalou en España con carácter permanente e situada na Tecnópole de Ourense, abriu os prazos para que os centros educativos de toda a comunidade se inscriban de xeito gratuíto na segunda quenda do curso, que se celebrará entre os meses de febreiro a xuño.
Dirixida a alumnado desde 2º da ESO a 2º de Bacharelato e FP, esta aula de aprendizaxe STEM (siglas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador.
A Aula Newton Galicia, que vai pola súa cuarta edición, está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
Esta proposta enmárcase dentro das actividades de Tecnópole Divulga, que busca incentivar as vocacións científicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras. Os centros educativos interesados en formar parte desta experiencia deberán inscribirse na páxina web da Aula, que leva a cabo a súa actividade os xoves e os venres, de 10.30 a 13.30 horas. Agárdase que nesta edición participen uns 2.200 rapaces e rapazas de toda a comunidade.
Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo Voamos con números: unha aventura aérea. Para iso a Aula Newton dispón de catro simuladores de voo profesionais, que permiten que “o alumnado goce desta experiencia, converténdose en pilotos por un día”, explican dende a Tecnópole, engadindo que en cada xornada pode haber ata un máximo de 32 participantes e un mínimo de 24.
A rapazada deberá responder a unha hipotética misión de rescate localizada na nosa terra, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, situado na Estrada, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, o alumnado porase á fronte dos simuladores de voo, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.
Para as e os estudantes de cursos superiores e para os grupos que xa coñecen esta experiencia, deseñouse “unha proposta máis avanzada”, apunta a Tecnópole, sinalando que “este reto esixe a realización de cálculos máis complexos, que implicarán desde a selección da aeronave e a elección dun aeródromo compatíbel coa súa distancia de despegue ata o cálculo do combustíbel necesario ou a creación dun plan de voo a partir dunhas coordenadas iniciais e finais”.
No compromiso de Tecnópole de garantir unha educación inclusiva, favorécese a participación na Aula Newton de persoas e colectivos que teñen un difícil acceso ás actividades de divulgación. Nesta liña, estanse a empregar materiais didácticos específicos para persoas con algún tipo de necesidade especial.