Os centros socioculturais de Santiago poñen o foco este curso na capacitación dixital

xoves, 29 de agosto do 2024 S. P.

Os Centros Socioculturais de Santiago acollerán no próximo curso preto de 700 actividades distintas, das que 404 son organizadas polo propio departamento municipal. O prazo para inscribirse nelas estará aberto do 3 ao 13 de setembro. Explicouno o concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, que presentou esta semana a programación dos CSCs para o vindeiro curso, nunha rolda de prensa na que tamén participou a técnica responsábel de programación da rede, Lourdes de la Cruz. Boa parte das ditas 700 actividades que se celebrarán nos 42 centros socioculturais de Santiago serán acción de formación dixital.
En xeral, suman máis de 10.400 prazas dispoñíbeis, tanto para público infantil como para público adulto. Desas actividades, 404 son organizadas pola propia Concellaría, e a maioría delas, 231, son actividades municipais de balde. As 291 actividades restantes son impulsadas por diferentes entidades coas que colabora o Departamento de Centros Socioculturais e desenvolveranse nos espazos da rede.
Xan Duro explicou que a programación para o novo curso “consolida propostas que veñen tendo boa acollida por parte dos e das usuarias dos centros socioculturais, sempre coa máxima de fomentar a vida comunitaria e a participación social a través das actividades de tempo libre”.
O concelleiro de CSC incidiu na “diversidade das propostas que oferta a Rede” con actividades “para públicos moi diferentes”. Así, haberá propostas específicas para nenos e nenas, entre elas as aulas de xogo; propostas para a mocidade, con temáticas que son do seu interese como robótica ou danzas urbanas; e tamén será moi intensa a programación para o público adulto, incidindo especialmente no fomento da vida saudable, tanto do punto de vista físico como mental.
Como dixemos, as accións de formación dixital terán unha forte presenza na programación, co fin de levar as novas tecnoloxías ao público adulto, con aulas e monográficos sobre cuestións específicas como o manexo da Administración Electrónica (eDNI ou trámites telemáticos), a utilización básica do smartphone, ou iniciación ao deseño con Canva. Outra das novidades para este novo curso será o Espazo Maker, dirixido a maiores de 16 anos, que ofrecerá actividades os venres e sábados na Casa das Asociacións de Cornes.
O prazo de preinscrición nas actividades regulares da rede de Centros Socioculturais estará aberto do 3 ao 13 de setembro. O trámite pode realizarse vía online, cubrindo o formulario correspondente na sede electrónica do Concello, ou de maneira presencial nos propios centros socioculturais. No caso dos centros do rural, e para facilitar a preinscrición, as persoas interesadas nas actividades tamén poderán apuntarse na Casa das Asociacións de Cornes, ou enviando un correo electrónico á dirección ccpreinscricions@santiagodecompostela.gal.