Os centros tecnolóxicos galegos medran en ingresos e emprego

venres, 11 de abril do 2025 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou esta mañá na presentación dos resultados de 2024 da Alianza Tecnolóxica Intersectorial Galega (ATIGA), composta polos centros tecnolóxicos AIMEN, Anfaco, CETIM, CTAG, Energylab, Gradiant e ITG. Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o conselleiro felicitou aos sete centros polo notable crecemento experimentado durante o ano, especialmente en termos de facturación, xeración de emprego e participación en proxectos de I+D.
Román Rodríguez sinalou que «este é o camiño a seguir: mellorar os indicadores e facer de Galicia un referente en I+D+i», ao tempo que reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co labor dos centros tecnolóxicos como axentes clave na transferencia de coñecemento ao tecido produtivo. De feito, no 2024 o Goberno galego destinou arredor de 18,7 millóns de euros a estes sete centros mediante convocatorias competitivas, como as dirixidas ao fortalecemento e ampliación de capacidades, proxectos de I+D+i no marco do programa Fábrica Intelixente e Sustentable, ou contratos-programa para sufragar os seus gastos estruturais. Entre as actuacións máis destacadas atópase a axuda concedida para a construción dun novo centro de fabricación intelixente de AIMEN e dun novo edificio do CTAG enfocado no futuro da automoción, ambos situados no Porriño.
Ademais, a Consellería de Ciencia colabora con Atiga no impulso da transferencia de coñecemento e na proxección internacional da I+D+i galega mediante un convenio que leva mobilizados preto de 1,1 millóns de euros desde 2015. De cara aos próximos anos, o novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 contempla seguir dotando aos centros tecnolóxicos de recursos para gastos estruturais e infraestruturas, así como a súa participación no resto de convocatorias. Como novidade, co obxectivo de mellorar as sinerxías e complementariedades entre os distintos axentes do ecosistema innovador, impulsaranse proxectos piloto colaborativos entre centros tecnolóxicos e centros de investigación galegos.

Balance de resultados de 2024

En canto aos datos presentados, salientan o incremento do 19% na facturación global dos sete centros, que acadou os 125,7 millóns de euros, e o aumento do 17% no emprego, cun total de 2.023 profesionais. Pola súa parte, Atiga informou de que no ano 2024 se desenvolveron 524 proxectos de I+D, dos cales 187 foron de ámbito europeo ou internacional, 148 a nivel estatal e 80 no eido autonómico. Ademais, os centros integrantes da alianza lograron captar 18,26 millóns de euros en retornos procedentes de programas europeos.