Os ciclos de FP de fabricación mecánica integran unha ferramenta de aprendizaxe de inglés con IA

mércores, 2 de xullo do 2025 Redacción

A Formación Profesional en Galicia dá un paso máis no eido da innovación coa incorporación da ferramenta de intelixencia artificial Vetinen (Vocational Training Innovative) para a aprendizaxe de inglés aos ciclos de Fabricación Mecánica que se imparten en 30 centros educativos do país. Así o anunciou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante unha visita ao centro tecnolóxico de Cortizo en Padrón, onde estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
Esta ferramenta, pioneira no ámbito educativo, foi empregada pola Consellería como experiencia piloto no curso pasado coa familia profesional de Hostalaría e Turismo, e a partir de setembro estenderase tamén á de Fabricación Mecánica. Deste xeito, no vindeiro curso beneficiaranse dela preto de 6.000 estudantes de 52 centros de FP. Paralelamente, o departamento de Educación do Goberno galego continúa traballando para que esta tecnoloxía se vaia incorporando de maneira progresiva ao conxunto da FP galega.
Durante a visita, Román Rodríguez puxo en valor o «alto valor para reforzar a conexión entre formación e empresa» que representa Vetinen, xa que permite practicar as competencias lingüísticas empregando os últimos avances tecnolóxicos aplicados á educación e orientados ás demandas do mercado laboral.
Impulsada polo Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, con sede en Ourense, esta ferramenta ofrece ao alumnado a posibilidade de recrear na aula situacións reais en inglés mediante unha interface en 3D. A través dela, poden interactuar con avatares en escenarios que reproducen situacións cotiás. No caso dos ciclos de Fabricación Mecánica, isto tradúcese en simulacións de tarefas como montaxe, mantemento, inspección de pezas ou atención a clientes internacionais.