Os clásicos de Midway destacan nos Xogos con Gold de xullo

mércores, 30 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Dende Microsoft ratifican unha vez máis que os seus Xogos con Gold perderon todo o interese da compañía, que está a apostar fortemente polo Game Pass, de aí que descoide aos subscritores que menos paga, e como boa mostra temos que os catro títulos que ofrecerán no mes de xullo son auténticos descoñecidos para o grande público.
O primeiro xogo de xullo será Planet Alpha, que convídanos a sobrevivir nun planeta cheo de misterios e perigo, tendo que aproveitar os ciclos de día e noite para lograr conservar a vida; a este xogo de Xbox One seguiralle Rock of Ages 3: Make & Break, unha auténtica rareza que mestura a defensa de torres e a acción cunha estética claramente inspirada nos Monty Python.
Dentro dos xogos retrocompatibles teremos Conker: Live & Reloaded da Xbox orixinal e Midway Arcade Origins para Xbox 360, sendo este último título probablemente o máis destacado do mes, xa que non é un xogo en si mesmo, senón unha compilación de 30 clásicos de recreativa do estudio Midway, con xogos como Gauntlet, Rampage, 720º, Spy Hunter, Smash TV e Pit-Fighter, que puideron ter a súa relevancia no seu momento, pero que envelleceron bastante mal na súa maioría, de xeito que só serían recomendables para nostálxicos.

Rampage é un clásico de Midway que incluso contou con adaptación cinematográfica pese a ser un título que non conseguiu que as súas secuelas tivesen relevancia

PUBLICIDADE